Novos periféricos para xogadores de Logitech

xoves, 5 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Pensando nos xogadores máis esixentes Logitech presenta novos periféricos de alta calidade e precisión, coma o rato G700, os auriculares con micrófono G930 e o teclado G510, que pese a ter cadanseu dispositivo un prezo prohibitivo, entran a competir con outros trebellos semellantes doutros fabricantes coma Razer ou Microsoft, que vén aos xogadores coma uns clientes ideais para produtos de alta gama.
O Logitech Wireless Gaming Mouse G700 comezará a venderse este mesmo mes a un prezo de 99,99 euros, e trátase dun cómodo rato sen fíos que conta con 13 controis programables que agradecerán especialmente os afeccionados a xogos coma World of Warcraft, que poden minimizar así o uso do teclado durante as súas partidas, gañando en control. Mide 126 x 80 x 46 milímetros e pesa 153 gramos cunha pila reclargable AA.
O Logitech Wireless Gaming Headset G930 é un dispositivo de auriculares con micrófono capaz de funcionar a unha distancia de ata 12 metros, con soporte de son envolvente 7.1 e cunha velocidade de comunicación sen fíos un 38% máis rápida que o Bluetooth, de xeito que os xogadores non percibirán ningunha demora na reprodución sonora. Conta con 3 botóns programables para personalizar a experiencia de xogo, facilitando o control da música, a voz e o chat durante as partidas en liña. O seu micrófono incorpora tecnoloxía de cancelación de ruído e pode enmudecerse con só xiralo. Sairá á venda este mes por 179 euros.
Para completar a serie G temos o teclado Logitech Gaming Keyboard G510, que non o teremos no mercado ata setembro, e que terá un prezo de 99,99 euros. Integra un panel LCD (no que poden amosarse estatísticas dos xogos, información sobre comunicacións de voz, información da reprodución multimedia ou datos sobre o rendemento do sistema), teclas programables, retroiluminación personalizable e integra unha tarxeta de son por USB.

PUBLICIDADE