Novos problemas cos iPhone 7 e X

luns, 5 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Apple detectou que un grupo reducido de terminais de iPhone 7 teñen problema para conectar a redes de telefonía móbil, de xeito que non chegan a coller cobertura en lugares onde si hai, amosando a mensaxe de texto de sen servizo na barra de estado, o que parece ser culpa dun compoñente na placa base do teléfono, polo que iniciaron un programa de reparación para estes teléfonos vendidos principalmente en China, Xapón e EE.UU.
Deste xeito, os usuarios de iPhone 7 que teñan este problema poderán recibir unha solución de balde aínda que o seu terminal estea fóra de garantía, tendo que contactarse para iso directamente con Apple, non podendo acollerse ao programa de reparación a través de operadores de telecomunicacións.

Problemas co iPhone X

Pero este non está a ser o único problema de funcionamento dos iPhone que está de actualidade, senón que están a xurdir casos de usuarios que co seu novo iPhone X teñen problemas na recepción de chamadas por mor dun fallo que causa retardos que impiden ver a identificación de chamada mentres soa o teléfono ou incluso atopan que non funcionan os botóns para responder a chamada.
Ao parecer, estamos ante un bug presente dende o mes de decembro, que mentres Apple non o corrixa pode solucionarse reinstalando iOS a través de iTunes.

PUBLICIDADE