Numerosos medios independentes piden medidas contra a Vista creada con IA de Google

luns, 7 de xullo do 2025 Redacción

A Vista creada con IA de Google achega información sen a necesidade de visitar as páxinas web que crearon o contido

Un grupo de editores independentes presentou unha queixa formal ante a Comisión Europea contra Google, acusando á compañía de abusar da súa posición dominante no mercado das buscas en liña a través da súa función Vista creada con IA, resumos xerados por intelixencia artificial que aparecen destacados nos resultados do buscador e dispoñibles en España dende o pasado mes de marzo.
Dende a Independent Publishers Alliance consideran que Google «está a facer un uso indebido do contido web para os Vista creada con IA en nos resultados de busca, o cal ten causado e segue a causar un prexuízo significativo aos editores, incluídos os de novas, en forma de perda de tráfico, lectores e ingresos». A queixa tamén solicita á Comisión a adopción dunha medida cautelar para evitar un dano que consideran «irreparable».
Google comezou a incorporar publicidade nestes resumos de IA o pasado mes de maio, integrándoos nos resultados de busca en máis de 100 países. A empresa defende que esta funcionalidade crea novas oportunidades para que os negocios e os contidos sexan descubertos, asegurando que «envía miles de millóns de clics ás webs cada día» e que os cambios no tráfico «poden deberse a moitos factores, como a demanda estacional, os intereses dos usuarios ou as actualizacións do algoritmo».
Porén, os editores denuncian que estes resumos están xerados a partir de contido seu, sen opción real de excluírse desa utilización sen desaparecer á vez dos resultados xerais de busca. Inciden no feito de que «os editores non poden optar por non participar no adestramento do modelo de linguaxe de Google nin na xeración de resumos sen perder visibilidade no buscador».
A Movement for an Open Web, que inclúe anunciantes e editores dixitais, e a organización británica sen ánimo de lucro Foxglove Legal Community Interest Company, tamén asinan a denuncia, e non dubidan ao describir as novas prácticas de Google como un «roubo de novas». Rosa Curling, codirectora de Foxglove, advertiu de que «o xornalismo independente enfróntase a unha ameaza existencial: as Vistas creadas por IA de Google», e pediu aos reguladores europeos e doutros países que actúen para garantir que os medios poidan excluírse destas prácticas.