Numerosos usuarios seguen sen servizo de telecomunicacións tras a apagada

mércores, 30 de abril do 2025 Marcus Fernández

Mensaxe publicada por R onte, tras a recuperación do subministro eléctrico

A apagada eléctrica do pasado luns no territorio peninsular tivo un grande impacto nas redes de telecomunicacións, de xeito que a meirande parte da poboación quedou sen telefonía boa parte da xornada, pero unha vez recuperado o subministro a situación aínda non está plenamente normalizada.
Aínda que dende onte ao mediodía xa podiamos dicir que toda Galicia contaba con electricidade, en servizos de telecomunicacións a situación non foi así e, pese a que o normal é poder gozar de conectividade plena no móbil e servizo de telefonía, Internet e televisión no fogar, non son poucos os usuarios que están a contactar cos seus provedores para indicar que continúan sen servizo.
Cómpre salientar que en moitos casos a solución é tan sinxela como apagar uns segundos o router e volver prendelo, para que se recupere o servizo, pero noutros casos require actuacións puntuais, e dado que a apagada afectou a todo o territorio español peninsular, a magnitude da incidencia fai que a recuperación non poida ser tan rápida como en incidencias anteriores.
En Galicia podemos ver especialmente o caso de R, operador ao que un bo número de usuarios de distintos puntos da xeografía galega demandan solución á situación incluso esta mesma mañá, dous días despois do inicio da apagada, lamentando moitos usuarios que o servizo de atención ao cliente non atende as chamadas.
Pero esta situación non se limita a R, senón que chega con achegarse ás redes sociais de calquera outro operador para comprobar que son moitos os afectados no resto de compañías de telecomunicacións, con casos do máis diverso, que van dende fallos no servizo até routers avariados, polo que temos que entender que estamos nunha situación na que simplemente se dispararon as incidencias tras unha situación extraordinaria, de xeito que non chega coa recuperación do subministro eléctrico para que todo volva á normalidade.