Nun par de semanas VANQUISH estreará versión para PC

mércores, 10 de maio do 2017 Marcus Fernández

En 2010 PlatinumGames publicou o xogo de acción VANQUISH para PlayStation 3 e Xbox 360, e ao contar con Shinji Mikami no seu equipo de desenvolvemento converteuse rapidamente nun xogo a ter en conta. Este título destacaba por ter unha identidade bastante marcada, xa que aínda que fose un simple shooter en terceira persoa con coberturas, contaba cun ritmo frenético e un sistema de recuperación de saúde que dá certa vantaxe ao xogador cando está próximo á morte (activando unha especie de tempo bala que facilita saír dunha situación comprometida).
Pese ás boas críticas do xogo, probablemente a súa curta duración non propiciou que tivese unhas vendas moi elevadas, pero en calquera caso deixou un bo sabor de boca, de aí que estea a recibirse con moita alegría o anuncio de SEGA de que o vindeiro 25 de maio vai estrear a versión para PC deste xogo, que pode xa reservarse a 19,99 euros, de xeito que agora moitos máis xogadores poderán achegarse a este xogo de ciencia ficción con todos os seus contidos descargables incluídos e con gráficos en alta definición (sen do incluso gozar do xogo a máis de 4K se temos un equipo con potencia dabondo, contándose tamén coa opción de aproveitar a potencia para incrementar o número de fotogramas por segundo).
Estaríamos así ante a mellor versión de VANQUISH, servindo para resucitar unha marca que puido terse convertido nunha franquía, o que aínda estaría a tempo de pasar, de xeito que non sería sorprendente que esta revisión do xogo fose unha táctica promocional para anunciar a súa secuela durante a feira E3 do mes de xuño.

A revisión do xogo poderá gozarse cunha resolución gráfica aumentada e tamén será posible desbloquear a súa taxa de fotogramas por segundo
Pese a ser un shooter en terceira persoas con coberturas, VANQUISH conseguiu destacar no xénero polo seu ritmo frenético e pequenos detalles que lle deron unha identidade de seu

PUBLICIDADE