Núñez Feijóo salienta o pulo innovador da Tecnópole na celebración dos seus 25 anos

venres, 20 de outubro do 2017 Redacción

A Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense) está a celebrar este venres os seus 25 anos de traxectoria. E faino contando coa participación das empresas, os centros de coñecemento e outras entidades de innovación que tiveron a súa sede alí ao longo deste cuarto de século. A xornada, que abrangue actividades até a tarde, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou que o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) é un exemplo referencial de como facer que a innovación sexa un foco para atraer investimentos. Asemade, destacou que o complexo tecnolóxico ourensán está “en condicións de atraer capital e novos proxectos empresariais por ser un polo de innovación en Galicia”. Nos actos de hoxe rendéuselles homenaxe ás 300 firmas ás que xa deu acubillo a Tecnópole ao longo do seu percorrido.
Volvendo á intervención do presidente, este subliñou que o Parque Tecnolóxico de Galicia atesoura “un claro compromiso coa divulgación científico-tecnolóxica, especialmente, entre os máis novos”. Isto, sinalou, tradúcese en cousas como o feito de que máis de 20.000 visitantes participasen nas 11 convocatorias do certame Galiciencia ou nos sete cursos das Aulas Tecnópole dirixidos a escolares galegos.
Tamén salientou a importante actividade despregada polo Centro de Empresas e Innovación da Tecnópole, que funciona como incubadora de novos proxectos, ao que cómpre engadir o Laboratorio de Biotecnoloxía, o Centro de tecnoloxías médicas avanzadas e o Centro experimental de enerxías renovábeis. “En definitiva”, dixo, “estamos a falar dun espazo de referencia en Galicia dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas de marcado carácter innovador que apostan pola tecnoloxía e a investigación como unha forma de xerar valor e actividade económica”.
Ano de celebracións
Como lembraremos, boa parte das celebracións dos 25 anos da Tecnópole xa se están a desenvolver ao longo de 2017. Entre as máis relevantes, informativamente falando, situouse o encontro celebrado en xuño co obxectivo de presentar a memoria global de actividade do parque. Segundo se fixo saber daquela, o recinto acolleu ao longo da súa historia un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación.
Tamén se destacou no almorzo que a sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovábeis. Ademais, organizou dúas conferencias internacionais de parques tecnolóxicos e unha chea de actividades formativas e eventos centrados no intercambio de coñecemento.

PUBLICIDADE