O 10 de xuño celébrase a proba galega da Olimpíada Robótica WRO, na que colabora o CPEIG

venres, 19 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Un rapaz argallando un enxeño de robótica nunha das probas da WRO/ Imaxe de Arkitas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, vén de contarnos que vai colaborar na organización da proba galega da Olimpíada Robótica WRO 2017, un evento que se desenvolve o vindeiro 10 de xuño, no polideportivo do Colexio Compañía de María da Coruña, e que consiste basicamente en promover a capacidade “argalleira” das nosas rapazas e rapaces (rapazada de todos os recantos da nosa terra) para demostrar unha vez máis unha verdade irrefutábel: que todas e todos atesouramos un importante talento creativo e tecnolóxico, a clave está en facer que agrome e se desenvolva. Acadalo é un dos obxectivos reforzados desta terceira edición da WRO.
Segundo nos lembra o colexio profesional que preside Fernando Suárez, o devandito torneo é unha das competicións de robótica educativa máis importantes a nivel mundial, na que participan máis de 20 cidades estatais e na que o ano pasado competiron máis de 23.000 equipos de 56 países. En Galicia, a Olimpíada está organizada polo Colexio Compañía de María da cidade herculina e Arkitas Robótica, ademais da colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Nesta Olimpíada, escolares de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten en distintas categorías e retos segundo as súas idades. Na fase local na Coruña, haberá dous desafíos diferentes, que, en palabras da organización, “permitirán que todo o mundo atope o tipo de proba que máis lle apaixone”. Por unha banda, convócase o desafío Regular Elementary, para crianzas de 7 a 12 anos, na que os equipos deberán construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas expostas sobre un taboleiro. Por outra banda, achégase o reto Football, para estudantes de entre 10 e 19 anos, ao abeiro do cal constituiranse equipos de dous robots autónomos que se enfrontarán co obxectivo de marcar a meirande cantidade de goles.
Os equipos están formados por dous ou tres participantes de entre 7 e 19 ano. Xuntos, deseñarán, construirán e programarán un robot con materiais Lego. Os mellores equipos locais viaxarán á Final Nacional en Murcia, de onde sairán os representantes da WRO Spain para a Final Internacional da WRO 2017, que este ano organízase en San José, Costa Rica. Lembrar que o ano pasado clasificouse un colexio da Coruña para a proba estatal de Logroño, conseguindo un praza na convocatoria internacional de Nova Delhi.

PUBLICIDADE