O 100% do alumnado de DigiCraft adquire un nivel de competencias dixitais medio-alto

venres, 17 de setembro do 2021 S. P.

A iniciativa DigiCraft, o programa formativo da Fundación Vodafone con presenza nos centros educativos da nosa terra a través da estreita relación entre a operadora e a axencia autonómica AMTEGA, é definitivamente unha iniciativa de éxito, con capacidade de formar en competencias dixitais medias-altas ao cen por cen do alumnado que participa nela. Este dato foi extraído dun estudo independente levado a cabo pola Universidade de Salamanca.
Nel, máis en detalle, faise saber que DigiCraft mellora o nivel de competencias dixitais do alumnado en todas as áreas definidas no Marco Europeo de Competencias Dixitais DigComp: información e alfabetización informacional, comunicación e colaboración, creación de contido dixital, seguridade e resolución de problemas.
Así, explícase no informe, as alumnas e alumnos sitúanse grazas a Digicraft “nun nivel de competencia dixital global medio-alto e a 100% mellora a súa competencia dixital en todas as áreas definidas no DigComp, con independencia do seu contexto educativo, o que reduce a fenda dixital e contribúe á igualdade de oportunidade”. Amais, o 95% dos profesores participantes adquiren coñecemento e comprensión das ferramentas que lles proporciona o programa, sendo capaces de empregalas noutras materias.
En canto á fenda dixital, na avaliación inicial atópanse grandes diferenzas nos niveis de competencia dixital que o alumnado tiña antes de participar no programa,s diferenzas que se reducen de maneira xeral e até un máximo de 8 puntos porcentuais. “Isto demostra que o programa conseguiu minimizar a fenda dixital que afectaba os alumnos antes de participar en DigiCraft”, sinala a Fundación Vodafone, poñendo o foco nos beneficios do programa para os dous grupos de idade que participan (6-8 e 9-12 anos), “xa que ambos melloraron as súas competencias dixitais en todas as áreas”.

PUBLICIDADE