O 19 de novembro non haberá consolas PS5 nas tendas físicas

xoves, 5 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro 19 de novembro é o día no que estaba prevista a chegada das consolas PlayStation 5 ás tendas, pero dende Sony veñen de estragar a ilusión de moitos xogadores que confiaban con ver as máquinas nas tendas ao anunciar que as vendas da nova consolas no día do lanzamento realizarán exclusivamente a través da Internet.
Aínda que eran moitas as voces que aseguraban que habería moitos problemas para atopar existencias das novas consolas antes de que remate o ano, dende Sony aseguran que o principal motivo desta decisión é protexer a saúde dos xogadores, vendedores e persoal durante a pandemia que estamos a vivir, de aí que prefiran limitar as vendas de saída ás tendas en liña dunha serie de establecementos autorizados.
Temos así que a peregrinación de xogadores ás tendas de videoxogos o vindeiro día 19 debería evitarse, recomendándose aos xogadores quedar na casa e realizar o pedido da nova consola a través da Rede, agás que xa tiveran encargado a súa consola na súa tenda de referencia, caso no que deberán contactar con vendedor para concertar unha cita para a recollida da máquina.

PUBLICIDADE