O 23 de febreiro chega Death Stranding ao Game Pass

venres, 19 de agosto do 2022 Marcus Fernández

En 2019 o xogo Death Stranding de Kojima Productions causou sensación pola súa orixinal proposta narrativa e xogable, e aínda que o título estaba moi ligado á PlayStation 4 (pois publicouno para tal plataforma a propia Sony), en 2020 estreou versión para PC editada por 505 Games, e o vindeiro martes irá un paso máis aló, e incorporarase no Xbox Game Pass para PC, o que sorprende a moitos xa que supón un compromiso con Microsoft que poucos podían esperar dun título que veu a luz grazas ao apoio de Sony durante o seu desenvolvemento.
Death Stranding para PC podería considerarse a versión definitiva do xogo, por ser a máis completa ao incorporar soporte para monitores ultra anchos, modo fotografía, alta frecuencia de imaxe e contido compartido coa serie Half-Life de Valve, aínda que cómpre lembrar que estas novidades xa estaban presentes no director’s cut do xogo publicado para PC o pasado mes de marzo.
A incorporación de Death Stranding ao Game Pass para PC resulta de grande importancia, xa que salientaría o valor deste servizo de subscrición ao ratificar que non só inclúe grandes xogos de compañías ligadas a Microsoft, senón que tamén fai achegamentos aos estudios próximos ao seu competidor máis directo.

Vídeo no que anuncian a chegada de Death Stranding ao Game Pass para PC

PUBLICIDADE