O 23 de outubro temos unha cita co FreeCAD da man dos Amigus Labs

luns, 11 de outubro do 2021 S. P.

A Asociación Amigus vai celebrar nas Pontes un novo obradoiro argalleiro, aberto, participativo e creativo, abeirado ao seu programa de actividades Amigus Labs, patrocinados pola Xunta de Galicia. Desta volta, trátase do Obradoiro de modelado 3D con FreeCAD. Será unha cita para nenas e nenos maiores de 10 anos e adultos a desenvolver o vindeiro 23 de outubro.
Segundo indican dende a asociación, FreeCAD é unha das ferramentas de referencia no mundo maker para a creación e modelado de pezas en 3D, amais de ser totalmente libre (e de balde). Por outra banda, alcanzou o seu máximo apoxeo gracias á popularización das impresoras 3D, ó alcance xa, na actualidade, de calquera persoa. Trátase a amaiores dunha ferramenta multiplataforma, polo que poderemos usala de maneira indistinta en calquera computador con todo tipo de sistemas operativos, Windows, Linux ou OSX.
Amigus fará unha introducción dende cero a esta ferramenta (a cargo do argalleiro Miguel) para iniciar aos participantes nas súas posibilidades e comezar a crear as súas primeiras pezas.
O obradoiro será totalmente práctico e está pensado para que as persoas asistentes saian do taller con coñecementos prácticos que lles permitan facer as súas propias creacións, cunha mínima base que “lles permita seguir aprendendo e evolucionando”, explicou Amigus.
Tedes toda a información e inscrición na web da asociación tecnolóxica das Pontes.

PUBLICIDADE