O 24 de xullo comezan os primeiros acendidos das novas frecuencias de TDT

venres, 19 de xullo do 2019 Redacción

A vindeira semana, o día 24, comezan os primeiros acendidos de novas frecuencias de Televisión Dixital Terrestre (TDT). O proceso arrincará en Mallorca, Eivissa e Formentera, así como en 94 municipios da provincia de Cáceres. Dous días máis tarde, a posta en marcha das frecuencias estenderase a dúas ducias de concellos de Huelva.
Segundo informa o Goberno central, estas novidades implican que uns 36.000 edificios destas zonas teñan que adaptar as súas instalacións de antenas colectivas para continuar recibindo a oferta completa de canles de TDT. Disporán para iso dun prazo máximo de seis meses.
Iso si, para facilitar o proceso de adaptación e achegar unha marxe razoábel, durante un tempo as cadeas de televisión emitirán de maneira simultánea a través das frecuencias nova e antiga (simulcast), antes de proceder ao apagado desta última.
Así o explicou hoxe o director xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información da Secretaría de Estado para o Avance Dixital, Roberto Sánchez, que aclarou que o cambio de frecuencias non afectará a todos os edificios das zonas sinaladas de Baleares, Cáceres e Huelva. En concreto, deberán realizar adaptacións os edificios comunitarios de tamaño mediano ou grande que estean equipados con sistemas monocanle ou centrais programábeis.
Durante os vindeiros seis meses, estas comunidades de veciños, unhas 36.000, nas que viven 760.000 persoas, deberán contactar cun instalador rexistrado para realizar o cambios precisos nos sistemas de recepción dos seus edificios. Ficarán excluídas deste proceso as vivendas individuais, onde só será preciso resintonizar os televisores para “poder gozar da oferta completa de TDT, unha vez que finalicen os simulcast”, informou o director xeral, que engadiu que estas novidades non van significar “a aparición nin desaparición de canles, só desprázanse de frecuencias”. Así mesmo, dixo que o proceso non implicará a obsolescencia de televisores nin descodificadores TDT.
O cambio de frecuencias da TDT prodúcese a consecuencia da liberación do chamado Segundo Dividendo Dixital, pola que se despexará a banda de 700 MHz do espectro radioeléctrico, hoxe parcialmente ocupada pola TDT, para permitir aí o despregue de futuras redes de telecomunicacións 5G.
En cumprimento das obrigacións impostas pola Unión Europea, a banda de 700 MHz deberá estar plenamente dispoñible antes do 30 de xuño de 2020.
O director xeral avanzou que en setembro continuarase cos cambios de frecuencias noutras zonas de España como Albacete, Almería, Badaxoz e Santa Cruz de Tenerife.
En total, de acordo ás estimacións realizadas pola Secretaría de Estado para o Avance Dixital, o proceso abranguerá ao redor de 850.000 edificios e 21 millóns de habitantes. Ficarán exentos dos cambios de frecuencias nas múltiples dixitais de ámbito nacional e autonómico Asturias, Barcelona, A Coruña, Menorca, Melilla e unha parte das provincias de Toledo e Murcia.
Os cidadáns e cidadás poderán consultar todas as súas dúbidas en http://www.televisiondigital.es/, e no teléfono 901 20 10 04 e no número gratuíto 954 30 65 01. A partir do 2 de agosto, este último será substituído pola liña de atención telefónica gratuíta 910 889 879.

PUBLICIDADE