O 25 de maio temos no CITIC unha cita coas rapazas e as novas tecnoloxías

mércores, 22 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

As celebracións das contribucións femininas á investigación científica e tecnolóxica non cesan. Se o mes pasado, o 25 de abril celebramos no mundo (e na nosa terra) o Día Internacional das Rapazas nas TIC, este mes de maio, o día 25, as mozas tecnólogas volverán ser protagonistas. O motivo? O desenvolvemento no Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o CITIC) do evento Oracle4Girls. O obxectivo é fomentar o interese das nenas e as adolescentes polos estudos científico-técnicos, amais de visualizar as importantes oportunidades que se abren a través destes vieiros formativos.
A cita vén da man do CITIC da UDC e Oracle Academy e inclúe diferentes obradoiros formativos de temática tecnolóxica nos que participarán ao redor de 100 nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos.
O proxecto Oracle4Girls, como dixemos, ten como finalidade promover o interese das nenas e as adolescentes nas ramas tecnolóxicas e contribuír así a fomentar a presenza feminina nas carreiras STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics). Durante a xornada, as rapazas poderán participar en diferentes accións divulgativas nos que se fomentará a creatividade e a experimentación a través de talleres de robótica, programación e tecnoloxía.
De maneira paralela aos obradoiros, desenvolveranse dúas charlas para nais e pais. A primeira, baixo o título O futuro da tecnoloxía, celebrarase ás 10.00 horas e será impartida por Laura M. Castro, coordinadora do Grao de Enxeñaría Informática da UDC e investigadora do CITIC. A segunda charla, Navega con Rumbo, será ás 12.00 horas e será impartida por Pilar Vila do CPEIG. As persoas interesadas en asistir ao evento poden formalizar a súa inscrición na web do evento.

PUBLICIDADE