O 25 de setembro mergullámonos en Arduino da man de Amigus

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

O vindeiro 25 de setembro, ao abeiro do ciclo de obradoiros maker Amigus Labs, a Asociación Amigus vai organizar un taller de iniciación á placa libre Arduino para adultos. Será novamente nas Pontes, sede do colectivo, no seu Amigus Labs do número 14 da praza do Hospital. A actividade conta co patrocinio da Xunta de Galicia.
Segundo explican dende a asociación, Arduino é unha plataforma de electrónica aberta para a creación de prototipos baseada en software e hardware libres fáciles de usar. “Neste obradoiro”, engaden, “mostraremos as posibilidades que nos ofrece esta tecnoloxía desde a programación, conceptos necesarios de electricidade e electrónica e dos diferentes dispositivos electrónicos que podemos incorporar aos nosos proxectos”.
O obradoiro está enfocado a persoas adultas que queiran introducirse ás novas tecnoloxías. Para participar nel (unha actividade de balde), é necesario que nos rexistremos a través da web de Amigus. O inicio do obradoiro será as 10:30 horas ata as 13:00. Para calquera consulta podemos escribir un correo á conta amigus@amigus.org.

PUBLICIDADE