O 31 de xaneiro celébrase a primeira hackathon de Vigo Devs

mércores, 28 de xaneiro do 2015 Redacción

O grupo Vigo Devs, un colectivo aberto e colaborativo formado por persoas unidas polo interese nas tecnoloxías, encamiñado a desenvolvedores en todas as súas vertentes (web, móbil, Big Data, DevOps...) vén de anunciar que o vindeiro sábado 31 de xaneiro organizará a súa primeira hackathon, que terá lugar no espazo de coworking Sinergia Vigo. E que é iso dunha hackathon? Para aqueles que o descoñezan, cómpre dicir que é un evento onde colectivos de desenvolvedores fan grupos para facer algo en común.
No estranxeiro existen casos de moita sona como a Angelhack onde moitas ideas rematan en empresas aceleradas por incubadoras. Asemade, tamén é habitual facer hackathons para colaborar co software libre, como aconteceu hai pouco en Amsterdam co hackathon de Docker.
Indo á hackathon de Vigo, informar que dará comezo ás 9:00 horas da mañá coa creación dos grupos. Así, os grupos, cun máximo de 5 integrantes, poranse a traballar nos seus proxectos, sendo a idea a de facer proxectos por un ben común.
Ás 9 horas da noite comezará a presentación dos proxectos realizados, e nese intre un xurado asignará os seguintes premios:
- 1º Premio: Un drone JumpingSumo e 3 Chromecast.
- 2º Premio: Un libro electrónico de O’Reilly de balde para cada integrante.
O evento e totalmente de balde. Almorzo e xantar son patrocinados por Quobis e Tegnix. Por outra banda, a operadora R, a empresa de desenvolvemento SoftWhisper, e O’Reilly serán as encargadas dos premios.
Engadir que a iniciativa está limitada a 30 participantes. O pasado 20 de xaneiro chegou á cota máxima, polo que non se permiten máis participantes.

PUBLICIDADE