O 3º informe do Observatorio Stop Machitroles confirma que a contorna virtual non é segura para as mulleres

xoves, 26 de outubro do 2023 S. P.

A Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a UVigo presentaron o terceiro informe do Observatorio Stop Machitroles, unha nova investigación que constata que a contorna virtual non é segura para as mulleres e as nenas e que amosa que os ataques en liña contra elas son cada vez “máis visíbeis e coordinados, máis sofisticados, daniños e perigosos”. O novo estudo, presentado este xoves 26 de outubro e elaborado ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0, puxo o foco en analizar novas de prensa relacionadas coa prevalencia da violencia machista dixital e cos diferentes tipos de machismo, a través da análise dos contidos publicados nos xornais galegos.
“Os resultados”, explicaron as responsábeis do Observatorio na presentación, “amosan como a fenda dixital de xénero representa a nova faciana da desigualdade” e “permiten observar un retroceso patriarcal, pois mulleres e nenas sofren unha violencia en liña que é distinta entre homes e mulleres e inclúe discurso de odio misóxino, ameazas ou violencia física ou sexual, acoso en liña, doxing, vixilancia electrónica selectiva, coacción e mesmo exposición non consentida de imaxes”.
Na presentación participou a directora da Unidade de Igualdade e responsábel da cátedra, Águeda Gómez, quen dixo que “queremos contribuír á toma de conciencia sobre a complexidade da violencia en liña sobre as mulleres e as súas consecuencias”. Unhas consecuencias, engadía, que van máis aló da contorna virtual, impactando de múltiples xeitos, e xerando vergoña, ansiedade, impotencia, coraxe, culpa, perda de confianza en si mesmas e, nos casos máis severos podendo afectar á saúde mental e desencadeando ataques contra a súa propia vida.
Respecto do período analizado, Gómez explicou que esta ano rexistráronse máis novas ca no anterior, 315 fronte a 245, e foi un período marcado por dous fitos informativos: o caso Rubiales e as múltiples reaccións ao mesmo que derivaron no SeAcabó e o caso das fotografías de menores manipuladas con Intelixencia Artificial en Almendralejo, que “tivo moito impacto na opinión pública ao evidenciar os perigos potenciais das novas tecnoloxías”.
No acto tamén participou a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas, que agradeceu o “traballo rigoroso” realizado polo Comité de Sabias da Cátedra Feminismos 4.0 e a implicación das dúas institucións impulsoras da cátedra.
Para levar a cabo o informe empregáronse como fonte 315 novas sobre esta temática publicadas entre novembro de 2022 e setembro de 2023 polos xornais galegos, contrastadas co medio estatal máis lido, El País, e establecéronse varias categorías en relación coas tipoloxías do acoso: violencia dixital por razón de sexo e por razón de xénero (74,5% do total das novas), violencia dixital sobre as mulleres con presenza pública (10,2%), violencia machista dixital organizada ou manoesfera (8,9%), e o coñecido como Efecto Johny (1%), acuñado así tras o caso de Johnny Depp e Amber Herad e que consiste na denuncia do acosador cara a vítima por difamación.
“A análise destas novas”, explicou Águeda Gómez, “permitiu constatar que a violencia en liña que sofren as mulleres está relacionada coa violencia estrutural sexista e por razón de xénero e que a violencia en liña traspasa a virtualidade con consecuencias concretas e visíbeis nas vidas das mulleres que a sofren. Só coñecemos a punta do iceberg das violencias machistas dixitais, as noticias que máis aparecen na prensa teñen que ver coa violencia sexual e o bulling dixital escolar, pero atopamos moitas menos noticias sobre violencias machistas dixitais como a manosfera e contra mulleres con presenza pública. A violencia estética, a pesar de estar presente na axenda do discurso feminista, non aparece reflectida na presenza mediática de maneira equiparábel”.
De xeito paralelo á presentación deste terceiro informe, a Asociación Xornalistas Galegas tamén deu a coñecer o estudo Os medios como (re)produtores de ciberviolencia simbólica, elaborado a partir dos datos recollidos polo observatorio. Como subliñaba Marga Tojo, vogal da entidade, “os medios de comunicación participan na produción e na reprodución de ciberviolencias a través dos enfoques, das noticias que se escolle dar e non dar, etc. pero tamén poden exercer como axentes de cambio”. Neste sentido, lembrou que para “frear a onda de desinformación de xénero” é necesario ter en contra que esa desinformación “é lucrativa, xera 213 millóns de euros ao ano en ingresos publicitarios ao ano” arredor de contidos como, por exemplo, o mito das denuncias falsas. Fronte a isto, dende Xornalistas Galegas teñen elaborado unha serie de propostas, entre elas a implantación da figura da redactora xefa de xénero, ou editora ou correspondente de xénero, que se creou por primeira vez no New York Times no 2017 e que actualmente existe tamén en El País.

PUBLICIDADE