O 4% dos usuarios de dispositivos di ter sido víctima dun acceso á súa conta nunha rede social
venres, 7 de novembro do 2014
Kaspersky Lab vén de
facer unha enquisa, en colaboración con B2B Internacional sobre a
realidade actual da seguridade multidispositivo (enquisa dispoñíbel
en pdf). O estudo, que ten datos sobre unha chea de países,
sinala que no caso de España, o 4% dos usuarios de calquera trebello
móbil recoñece que os delincuentes lograron acceder á súa conta
dunha rede social. A situación agrávase para quen teña sistema
operativo Android, posto que que aí nese punto hai que falar dunha
taxa do 13%. Esta é a porcentaxe de usuarios españois de tableta ou
dispositivo intelixente con Android aos que lles interviñeron as
súas contas de rede social.
O informe tamén sinala
que “só unha miúda parte das persoas enquisadas entenden os
riscos ligados ao uso activo e cotián dos servizos 2.0”, e iso que
a comunicación a través deste vieiro (o vieiro das redes sociais) é
a segunda actividade preferida polos usuarios de dispositivos.
Respecto a España, a investigación conclúe que un 74% emprégaas
decote, o que e palabras de Kaspersky “converte ás redes sociais
nun obxectivo de interese para a ciberdelincuencia”. A empresa de
seguridade tamén sinala que o 5% dos españois recoñece falar con
descoñecidos sobre asuntos privados, mentres que o 16% adoita
compartir información en liña que considera que non compartiría
offline. De xeito paralelo, en en parte como consecuencia
desta arela de privacidade, o 19% dos usuarios recoñeceu ter
recibido correos de remitentes sospeitosos “que aseguraban formar
parte dunha rede social ou outro sitio en liña, pedíndolles que
mandasen o contrasinal ou outros detalles”. Por outra banda, un 17%
viuse redirixido a unha páxina web non fiábel que lles pedía que
introducisen os datos de acceso a unha rede social, unha conta de
correo electrónico ou de xogos en liña.