O 54% das persoas licenciadas da UVigo teletraballaron durante o confinamento
martes, 6 de outubro do 2020
A
Universidade de Vigo vén de facer balance da actividade laboral
xerada online durante o confinamento pola comunidade dos
campus, concretamente por aqueles estudantes e estudantes que xa
encamiñaron os seus pasos no mercado empresarial. Segundo se fai
saber, o 54% destas persoas teletraballaron durante o confinamento,
unha cifra que cocha de fronte coas cifras previas: antes da crise
sanitaria, a maioría das persoas tituladas pola Universidade de Vigo
(60,8%) carecía de experiencia previa na realización da súa
actividade laboral en remoto.
Son
datos do Estudo sobre o impacto laboral da actual crise pola COVID-19 nas persoas tituladas da UVigo.
O informe, realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas da propia
Universidade e cuxo primeiro adianto de resultados vén de facerse
público na web do Consello Social, é “o primeiro que, no ámbito
do sistema universitario español, avalía o impacto laboral da
primeira vaga da pandemia no colectivo de egresados dunha
universidade pública”, subliñan os seus impulsores: Luis Espada,
director do observatorio, e Víctor R. Martínez Cacharrón,
enxeñeiro industrial que se encargou de realizar a análise dos
datos.
A
investigación realizouse entre os días 25 de maio e 8 de xullo e
nela participaron 3.217 persoas tituladas –de múltiples promocións
e titulacións- que responderon unha enquisa en liña que estaba
aloxada na web do observatorio e que foi tamén enviada de xeito
masivo por correo electrónico.
Para
avaliar o impacto laboral da crise sanitaria inquiriuse pola
situación socio-laboral de cada unha das persoas enquisadas no
momento previo á crise e no momento de responder a enquisa. Os
resultados poñen agora sobre a mesa unha conclusión clara: a
inmensa maioría (85,9%) segue no mesmo emprego/actividade que tiña
antes do inicio da pandemia. Un 5% perdeu o traballo que tiña
durante esta crise; o 4,3% xa estaba desempregado; un 3% segue na
mesma situación anterior (estudante, xubilado/pensionista, prepara
oposicións,...); un 1,2% mudou de emprego e só o 0,6% encontrou
emprego no período avaliado.