O 5º Congreso FLÚOR confirma o auxe da IA en mercadotecnia

venres, 26 de maio do 2023 S. P.

A 5ª edición do Congreso de Mercadotecnia FLÚOR concluíu este venres 26 de maio en Pontevedra cun acordo unánime de que a Intelixencia Artificial ten múltiples aplicacións na mercadotecnia e estas serán cada vez maiores. O evento tamén xerou un importante debate profesional sobre o uso responsábel destas ferramentas intelixentes. Por outra banda, FLÚOR rematou cunha cifra marca de participación, con máis de 500 participantes presenciais. As temáticas principais desta edición foron a Intelixencia Artificial en mercadotecnia, a igualdade en publicidade e o auxe dos formatos sonoros online (música, podcasts, radios, etc.). O evento, de 2 días de duración e organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia, sumou en total 10 conferencias, 4 mesas redondas e 4 obradoiros prácticos.
Óscar de Castro, director global de Comunicación de Pull&Bear, animou ás marcas a crear contidos propios de comunicación, especialmente se “é contido xerado polos propios consumidores, para estar máis preto da audiencia e conectar con ela”.
José Cabanas, CMO de Hijos de Rivera, animou aos estrategos de mercadotecnia a reflexionar sobre onde queren que estean as marcas e “a prepararase para o futuro ante os desafíos da IA, a personalización e a privacidade dos datos”.
Pola súa banda, Sara Vega, directora de Mercadotecnia de Fnac, explicou que “todo o que fai unha marca é branding, e o branding é valor para a empresa, necesario para competir. O branding impregna todas as áreas de negocio da compañía e tense que adaptar a cada país e a cada área: produto empregado, experiencia en punto de venda, todo”, explicou Sara Vega.
Alejandra Chacón, directora de Estratexia en Havas Media, falou de que “as mulleres en publicidade queren un co-protagonismo compartido. Pasamos dunha publicidade que estereotipaba moito (sexista, muller cociña, limpeza, coidado) a un terreo do politicamente correcto e o seguinte paso que se demanda é a naturalidade e que estea máis preto da realidade o que facemos, que é o máis difícil”, afirmou.
O auxe do sonoro en liña
Outra gran tendencia que se destacou en FLÚOR foi o boom do audio online (podcast, música, radio) con tres dos seus grandes protagonistas. Por unha banda unha plataforma líder mundial, como Spotify; en segundo lugar un grupo de medios, como Prisa, creador de plataformas como Podium Podcast e outras; e en terceiro lugar Audiomotion, consultora especializada en publicidade en audio dixital. Moderou Alfonso Boullosa, delegado na zona noroeste de Avante Evolumedia, e participaron Rodrigo González, director comercial de Spotify España; Rocío Echevarría, directora de negocio de Prisa Audio; e Álex Medina, director xeneral adxunto de Audioemotion.
Rodrigo González de Spotify sinalou que “o vínculo e o engagement é moito máis amplo cando a experiencia é personalizada e inmersiva, e no audio o recordo é 5 veces superior que noutros medios de comunicación”.
Rocío Echevarría destacou que “o podcast é un produto de nicho: non se tratar de ter grandes audiencia, senón audiencias de calidade; e o móbil fixo que o audio se movese moito máis, fainos chegar a calquera”.
Álex Medina sinalou que a pesar deste auxe, aínda hai unha “falta de investimento por parte das marcas para seguir desenvolvendo tecnoloxía, hai un gap entre o consumo e a publicidade neste medio”.
Sobre o futuro empresarial deste ámbito, Rodrigo González explicou: “En Spotify cremos no modelo freemium; de feito o 70% de consumo de podcast fano consumidores premium”.
Álex Medina prognosticou: “A oferta é moi grande polo que a publicidade deberá ser cada vez máis personalizada e adaptada ao oínte”. Os relatores coincidiron no medre e no potencial deste medio, e sinalaron a importancia das métricas. “Como industria debemos traballar conxuntamente para ter un sistema de medición estandarizado”, afirmou Rocío Echevarría.
Máis mesas redondas
Doutra banda, tamén se celebrou en FLÚOR a mesa Tiktokers Galicia: como arrasar en Tiktok desde este recuncho do mundo, que foi moderada por José Casás da axencia Picnic Ideas Felices, e os relatores foron Carlos Amado, coordinador de novos formatos dixitais en TVG e coordinador de Dígocho Eu; Esther Estévez, presentadora de Dígocho Eu, e Paula @blondiemuser, creadora de contido galega de sustentabilidade e lifestyle.
En FLÚOR tamén tivo lugar unha mesa redonda sobre mercadotecnia en centros comerciais, na que participaron Mamen Sánchez, responsábel de Mercadotecnia en Caleido (Madrid); Lorena Rey, responsábel de mercadotecnia en C.C. Marineda City (A Coruña) e Carmen Luna, directora de Mercadotecnia de Ànecblau (Castelldefels, Barcelona).
Estiveron moderados por Maria Estrada, responsábel de RRPP e comunicación en Recados Carmen.
A mesa redonda titulada Omnicanle: exemplos próximos de estratexias de mercadotecnia foi moderada por Rubén Bastón, director de Mercadotecnia4eCommerce e participaron representantes de empresas galegas: Julián Hernández, director de mercadotecnia de Velgasa-Eroski; Diego Piñeiro, director innovación en Selmark; e Cris Costa, responsábel de mercadotecnia de Bodegas Marqués de Vizhoja.
O congreso estivo organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia, que une a toda a cadea de valor da comunicación de Galicia: empresas e profesionais de mercadotecnia, de comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, de medios, impresores, etc. Forman parte do clúster asociacións profesionais como a asociación galega MARKEA, a Asociación de Directores de Comunicación DIRCOM Galicia, a asociación Creatividade Galega ou a asociación de Organizadores Profesionais de Congresos OPC Galicia.

PUBLICIDADE