O 70% das persoas inscritas para preparar o certificado de competencias dixitais son mulleres

luns, 6 de outubro do 2025 Redacción

Máis de dez mil persoas participaron ata o de agora nos cursos do proxecto Formación Dixital, impulsado pola AMTEGA, que acaba de cumprir un ano de traxectoria. O 69,18 % das persoas inscritas foron mulleres. Os contidos formativos serven de preparación para os exames da Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix).
Trátase dun programa gratuíto para as persoas participantes, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation-UE). Dende a súa posta en marcha, en outubro de 2024, ampliou a súa oferta a dous niveis de formación: un nivel básico, que combina dez horas presenciais iniciais (con grupos activos nas catro provincias galegas) e formación en liña, dirixido a quen precisa acompañamento para iniciarse no uso da tecnoloxía; e un nivel intermedio, completamente en liña, con titorización e inscricións abertas cada semana.
Os cursos teñen unha duración de oito semanas e inclúen contidos teóricos e prácticos en cinco ámbitos principais: xestión da información dixital, comunicación e colaboración, creación de contidos, benestar e seguridade dixital. As persoas participantes contan co apoio dun titor ou titora que as guía durante todo o proceso formativo. A actividade incorpora un test de autodiagnose e unha avaliación final, que permiten comprobar a evolución do nivel de coñecementos.
O programa ten como obxectivo chegar a 45.000 persoas e contribuír á capacitación dixital da cidadanía galega, en liña cos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030, facilitando ferramentas para desenvolverse con seguridade no ámbito tecnolóxico.
Ao rematar o curso, as persoas participantes reciben un diploma acreditativo. As inscricións poden realizarse en liña para o nivel básico e tamén para o curso intermedio.