O 75% dos alumnos de Primaria e ESO teñen móbil e conéctanse ás redes a diario

martes, 21 de outubro do 2025 Redacción

Arredor do 75 % do alumnado galego de 5º e 6º de Primaria e de ESO dispón de teléfono móbil, e a maioría conéctase a internet case a diario, segundo se recolle na V Enquisa de diagnose da convivencia 2025. Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, quen, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, presentou hoxe os resultados deste estudo no Consello Galego para a Convivencia Escolar, logo de analizar onte no Consello da Xunta os primeiros datos.
Rodríguez sinalou que, desde a primeira enquisa realizada en 2015, esta edición permite por vez primeira contar cunha radiografía completa da evolución da convivencia ao longo dunha década. Indicou ademais que, aínda que os hábitos sociais e familiares «mudaron coa irrupción das novas tecnoloxías», os resultados amosan unha mellora do clima nas aulas, segundo perciben familias, profesorado e alumnado.
O estudo inclúe un amplo bloque dedicado á convivencia nos centros, tanto en ensinanzas obrigatorias (Primaria e ESO) como postobrigatorias (Bacharelato e Formación Profesional), e outro centrado nos hábitos sociais do alumnado, incorporado por vez primeira na enquisa de 2023.
Tralo exame no Consello da Xunta dos resultados do primeiro bloque, o segundo analiza o uso das tecnoloxías e das redes sociais. Nel destácase que preto do 90 % do alumnado (91,6 % en 5º e 6º de Primaria, 84,33% en ESO e 78,83 % en ensinanzas postobrigatorias) asegura non ter recibido nunca ou case nunca condutas intimidatorias a través destes medios. Pola súa banda, o 98,8 % das familias afirma que os seus fillos tampouco sufriron ameazas, insultos ou acoso en liña, e o 76,09 % do profesorado considera que os conflitos derivados do uso inadecuado dos dispositivos electrónicos son casos puntuais.
O conselleiro insistiu en que a convivencia é unha «prioridade de Goberno», reflectida na Estratexia galega de convivencia 2025 e en medidas pioneiras como a prohibición dos teléfonos móbiles nos centros, a creación dos puntos laranxa contra o acoso, o Plan integral contra o acoso e ciberacoso escolar ou a formación específica do profesorado.
Neste sentido, comprometeuse a seguir traballando no compromiso colectivo de toda a comunidade educativa e das institucións para erradicar condutas contrarias á convivencia. Nese marco insírese a futura Rede de concellos contra o acoso e a ferramenta Termómetro Acoso Escolar, xa dispoñible para os centros.

Uso dos teléfonos móbiles

No apartado dedicado aos hábitos sociais do alumnado, incorporado por primeira vez en 2023, o estudo mostra que o 46,51 % dos estudantes de 5º e 6º de Primaria ten teléfono móbil, fronte ao 53,5 % de hai dous anos.
En ESO a porcentaxe ascende ao 88,65 % (dous puntos menos que en 2023) e nas ensinanzas postobrigatorias ao 90,73 % (tamén dous puntos menos). Aínda que o descenso é moderado, coincide coa entrada en vigor da prohibición do uso do móbil nos colexios e institutos desde xaneiro de 2024.
En canto ás familias, o 85,3 % asegura que limita sempre ou case sempre o uso dos dispositivos e a conexión á rede dos seus fillos (fronte ao 83,3 % en 2023), mentres que o 14,7 % recoñece non facelo nunca ou case nunca (16,6 % en 2023).

Redes sociais e videoxogos

O 78,48 % do alumnado de Primaria e ESO (81,02 % en 2023) e o 88,61 % do de Bacharelato e FP (90,98 % en 2023) conéctase a internet varias veces por semana ou a diario. As redes sociais forman parte habitual da súa vida: o 68,7 % do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 78,79 % do postobrigatorio declaran empregalas de maneira habitual.
Por plataformas, o 72,6 % do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 83 % do postobrigatorio usa redes sociais. TikTok é a máis popular entre os estudantes de Primaria e ESO (45,08 %), seguida de Instagram (40,63 %) e YouTube (40,42 %). En Bacharelato e FP, as máis utilizadas son Instagram (63,68 %), TikTok (55,88 %) e YouTube (48,63 %). En canto ás ferramentas de mensaxería, WhatsApp é a máis estendida, seguida de Discord e Snapchat.
No ámbito dos videoxogos, a maioría dos estudantes xóganos como entretemento, especialmente en Primaria, onde o 80,8 % os emprega con ese fin, e preto do 42 % o fai principalmente con amigos.

Apostas en liña e contido pornográfico

O 89,96% do alumnado de ESO e o 82,91 % do de ensinanzas postobrigatorias asegura non participar en apostas en liña. Ademais, o 79,6 % do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 64,69 % do postobrigatorio afirma non ter accedido nunca ou case nunca a páxinas de contido pornográfico.
En relación coa igualdade e a linguaxe inclusiva, o 85,18 % do profesorado e o 90,19 % das familias consideran que se emprega este tipo de linguaxe nos centros. A nivel familiar, a percepción de igualdade tamén é maioritaria: o 63,2 % do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 69,3 % do postobrigatorio asegura que homes e mulleres da súa familia se implican por igual nos estudos.