O 80% dos profesionais da saúde estaría disposto a empregar as tecnoloxías da telemedicina

mércores, 30 de outubro do 2013 Redacción

A escola de negocios IESE (Universidade de Navarra) e Telefónica presentaron esta semana un estudo sobre o interese que está a xerar a atención médica a distancia, propiciada polas novas tecnoloxías, entre as persoas doentes e dependentes. Segundo se fai saber na investigación, no caso concreto da telemedicina acontece algo semellante que noutras tecnoloxías, xeralmente ligadas ao fogar dixital, polas que se devece pero que polos motivos que sexa non se dan afianzado e estendido. Ou sexa, que unha gran maioría dos enfermos crónicos e tamén dos profesionais da saúde desexan botar man das ditas ferramentas, máis polo miúdo o 70% dos primeiros e o 80% dos segundos, o problema é que por varios motivos as ditas ferramentas non dan acadado o pulo que se agarda.
O informe (Xestión Remota de Pacientes: Un estudo sobre as percepcións de pacientes e profesionais en España) foi presentado este martes 29 en Barcelona por Jaume Raventós, director de eHealth de Telefónica, e Elena Reutskaja, profesora do IESE e autora do informe xunto ao tamén profesor Jaume Ribera. Segundo informaron, trátase do primeiro traballo deste tipo realizado en España e recolle a opinión de case 1.800 persoas entre doentes crónicos (hipertensión, diabete, cardiopatías e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica ou EPOC) e profesionais médicos de toda España (médicos de cabeceira, especialistas e enfermeiros) tanto do sector público como privado.
Lembrar que a telemedicina ou Xestión Remota de Pacientes (GRP) é un sistema que, a través do uso da tecnoloxía, permite aos pacientes controlar o seu estado desde o seu fogar e compartir os resultados en tempo real co seu médico. A día de hoxe, sinálase na investigación, “só un grupo reducido de profesionais (entre un 3% e un 11%) e de pacientes (un 7%) empregan decote os sistemas de Xestión Remota de Pacientes, e todo isto malia os moitos beneficios potenciais que achegarían, beneficios como a mellora da calidade de atención, a detección precoz de cambios nas afeccións crónicas, a asunción de maior responsabilidade dos propios pacientes na súa atención, etc”.
Tendo en conta isto, cales serían os principais atrancos para acadar u meirande espallamento destes servizos? Pois segundo se nos conta na investigación, unha vez máis estariamos ante dous factores ben definidos: por unha banda a ausencia de accesos e equipamentos tecnolóxicos axeitados e por outra banda a desconfianza (derivada da falta de formación e información). De feito, dise, o sistema GRP esperta preocupación entre ambos os grupos: doentes e profesionais. A falta de acceso á tecnoloxía por parte dos pacientes e a súa falta de formación tecnolóxica é unha das principais preocupacións para o 80% dos profesionais da saúde. Esta falta de contacto cos médicos é tamén a principal preocupación dos pacientes, aínda que a maioría recoñecen que se sentirían cómodos utilizando unha videoconferencia. Só unha media do 16% dos pacientes enquisados negouse a utilizar o sistema aínda que llo ofrecesen.
Outra das principais conclusións do estudo, e algo en que coinciden tanto os pacientes como os profesionais, é que aínda que son maioritariamente favorábeis ao uso do sistema GRP, elles preciso recibir máis información, algo que facilitaría o seu afianzamento. Outra das claves para o seu éxito sería que os médicos, como fonte críbel que son para os pacientes, axudasen a estes a iniciarse no sistema.
A partir destas conclusións, o estudo ofrece varias recomendacións para a introdución eficaz da telemedicina. “O primeiro paso”, sinálase, “é ofrecer un acceso claro, relevante e transparente ao sistema GRP, e a iso contribuiría dar a coñecer os resultados de experiencias de éxito en distintas comunidades e sectores, algo que axudaría a motivar a súa utilización”. Segundo se engade na investigación, “o modelo actual de asistencia sanitaria debe evolucionar cara a un modelo máis sustentábel e conectado, máis global e enfocado a acadar un paciente máis informado e que sexa quen de involucrarse directamente na prevención e coidado da súa doenza”.

PUBLICIDADE