O 84% dos centros E-Dixgal incorpóranse este curso ao novo modelo de ensino híbrido

martes, 2 de setembro do 2025 S. P.

O 84% dos 597 colexios e institutos galegos adheridos ao programa E-Dixgal incorporan este curso o emprego de libros de texto, que, segundo avanzou este 2 de setembro o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, “funcionarán en equilibro cos recursos dixitais”, ao abeiro do novo modelo híbrido (tecnolóxico-analóxico) de ensino polo que aposta o seu departamento. Así o fixo saber durante unha visita ao Colexio Monte dos Postes, en Santiago de Compostela, un dos beneficiados da actualización do modelo para adaptalo ás novas realidades e á evolución social e pedagóxica.
O titular de Educación sinalou que “a incorporación de libros de texto, que responde a unha demanda da comunidade educativa en xeral e das familias en particular, forma parte da primeira fase de mellora do modelo, que abrangue actuacións específicas no que atinxe a contidos e materiais, á formación do profesorado, ao benestar dixital, ás seguridade e apoio ás familias e á xestión do programa”.
Román Rodríguez destacou “a boa acollida desta medida por parte dos centros, o que avala que imos no camiño correcto”.
Engadiu que en Educación Primaria (onde E-Dixgal opera para 5º e 6º curso), preto do 82% dos colexios van combinar este curso co emprego de entre un e tres libros. Deles, o 66% optan polo uso de tres libros. No caso da ESO, onde xa se combinaba o libro co ordenador, o 87% dos centros aposta polo modelo híbrido, e máis do 70% deles escollen dous libros en papel.
No que atinxe ás materias escollidas voluntariamente polos centros para impartir con libros de texto, en Primaria as máis escollidas son Matemáticas (245 centros), Lingua galega e Literatura (uns 240 centros) e Lingua castelá e Literatura (uns 180 centros). No caso de Secundaria, as materias máis escollidas son Lingua galega e Literatura e Lingua castelá e Literatura, con entorno a unha media de 70 centros por materia e curso.
2M€ para adquisición de libros de balde para as familias
Román Rodríguez subliñou que o afianzamento do modelo de ensino híbrido vai ligado a “un reforzo do apoio ás familias con máis axudas a quen máis o precisa”. Para isto, a Consellería de Educación habilita por primeira vez este curso que os alumnos dos centros E-Dixgal teñan tamén acceso á gratuidade e ás a libros de texto “nas mesmas condicións de renda que opera para o resto do alumnado”.
Así pois, co fin de que o alumnado, ademais do ordenador e os contidos dixitais, dispoña de manuais de balde, a Consellería vén de investir un total de 2M€ na adquisición dun total de 47.521 libros de préstamo, do que se beneficiarán un total de 36.109 alumnos. “Con isto aseguramos que os alumnos reciben os libros que lle corresponden en función da renda”, sinalou o conselleiro, engadindo que este fondo opera para rendas de ata 10.000 euros/ per cápita, e que para as rendas de entre 10.000 e 30.000 euros as familias poderán beneficiarse da nova desgravación fiscal que poderán formalizar na Declaración da renda de 2026 correspondente ao exercicio 2025.
Rodríguez lembrou a importancia de “gardar todas as facturas de compra de libros e material escolar para formalizar a desgravación, que será do 15% do gasto efectuado ata un máximo de 105€ por alumno”.
Román Rodríguez insistiu en que a combinación de material tradicional e dixital é “unha pequena parte” das melloras que se irán enriquecendo ao longo de este e do vindeiro curso, sobre todo coa nova Lei de educación dixital. A finalidade desta norma, que adecuará o uso das tecnoloxías dixitais nas aulas en función da etapa educativa e conforme ao grao de madurez e desenvolvemento dos estudantes, é blindar a calidade da educación galega no actual contexto tecnolóxico e da irrupción da Intelixencia Artificial.