O 86 % dos internautas españois fan uso das redes sociais

mércores, 28 de maio do 2025 Redacción

O uso das redes sociais en España continúa medrando e consolidándose como unha parte central da vida dixital, segundo revela o Estudo de Redes Sociais 2025 presentado por IAB Spain en colaboración con Elogia. O informe, que analiza os hábitos dixitais de persoas entre 12 e 74 anos, constata que o 86 % dos internautas empregan algunha rede social.
WhatsApp, Instagram e YouTube lideran de forma destacada en todas as fases do funnel de márketing: dende o coñecemento ata a preferencia, pasando polo uso ocasional e habitual. En canto ao uso empresarial, Facebook mantense como a plataforma máis utilizada polas empresas, aínda que Instagram supera xa a YouTube.
O estudo tamén reflicte unha crecente segmentación segundo idade e xénero. As mulleres dominan en Instagram e TikTok, mentres que os homes destacan en Telegram, X e Twitch. Xeración Z e millennials non só son quen empregan máis redes ao mes (5,1 de media), senón que tamén lles dedican máis tempo diario, e amosan unha maior apertura cara a novos formatos como o live shopping ou os contidos creados con intelixencia artificial.
O entretemento continúa sendo a principal motivación para o uso das redes (81 %), seguido pola interacción (66 %) e a procura de información (55 %). Plataformas como Spotify (1hora e 26minutos ao día), TikTok, WhatsApp, YouTube, Twitch e Instagram son as que concentran máis tempo de uso por parte dos usuarios.
Tamén destaca o impacto comercial das redes: un 48 % dos usuarios consulta plataformas sociais antes de facer unha compra, e un 44 % admite que o contido visualizado influíu na súa decisión final, unha cifra que ascende ata o 66 % entre os máis novos. Instagram e YouTube son as máis determinantes nesta fase previa á compra.
No ámbito publicitario, un 40 % dos enquisados considera útil e relevante a publicidade en redes, aínda que a personalización dos contidos xera recelo: só un 23 % acepta este tipo de contido dirixido, o que supón un reto para a segmentación e os formatos publicitarios.
En canto aos influentes, o estudo mostra un aumento da súa credibilidade, cun 40 % dos usuarios considerando fiables aqueles que seguen (sete puntos máis que en 2024), malia que tamén medra a percepción de que os seus contidos son esencialmente publicitarios (41 %, cinco puntos máis). Instagram afírmase como a canle principal para seguir a estes creadores de contido (69 %).
Desde unha óptica profesional, as redes sociais seguen sendo clave: o 53 % dos expertos en publicidade utilízaas para xerar marca e o 44 % como canal de atención ao cliente. No que atinxe á repartición da inversión, Instagram adianta a Facebook como principal receptor, mentres que YouTube ascende ao segundo posto e TikTok sitúase xa no cuarto lugar, evidenciando unha evolución no panorama da publicidade dixital.