O 96,8% da cidadanía galega tira proveito da plataforma de comunicación co paciente CRM100
luns, 18 de novembro do 2024
A Xunta fixo balance do nivel de uso da plataforma tecnolóxica CRM100 posta en marcha para permitir a comunicación entre a cidadanía e o Servizo Galego de Saúde a través de novas canles dixitais. Segundo se fai saber no balance, o 96,8% da cidadanía da nosa terra xa tira proveito da ferramenta.
Así se desprende dun informe que foi abordado no Consello da Xunta que avalía a evolución desta plataforma, que ten por obxectivo mellorar a calidade dos servizos ofrecido pola Consellería de Sanidade. No informe destácase que está xa implantada en 415 centros de saúde, o que supón o 98,9% das instalacións do primeiro nivel asistencial.
Unha das súas principais vantaxes é que dá resposta a toda a demanda de atención telefónica. Así, o CRM100 incorpora un proceso para a xestión das chamadas non atendidas en primeira instancia pola unidade administrativa, permitindo a identificación do usuario e a posterior devolución da chamada para que ningún contacto se perda. Seguindo este fío, a Xunta lembra que o 98,6% dos contactos xerados a través desta plataforma, que comezou o seu despregue nos anos 2022 e 2023, resólvense no día. Ademais, engade que “o tempo medio de devolución de chamadas non atendidas en primeira instancia nos centros de saúde é de 37 minutos” e que a cifra de chamadas devoltas no mes de outubro é de 233.783 e, nos últimos tres anos, a cifra acada as 5.108.098 chamadas devoltas.
Amais, xa se atopa plenamente implantada como nova canle de participación cidadá na optimización da xestión e na avaliación dos servizos sanitarios e os programas implantados, por medio de enquisas automatizadas. En concreto, xa leva enviadas, vía SMS, un total de 892.100 enquisas, contabilizando máis de 186.000 respostas sobre máis de 20 asuntos diferentes (COVID persistente, atención domiciliaria, hábitos de vida saudables, plans locais de saúde, etc.).
O CRM100 permite, así mesmo, enviar notificacións automatizadas para actividades programadas como citacións para vacinación ou lanzamentos de campañas de información masiva, como é o caso dos programas de cribado.