O 97,2% da nosa mocidade navegou por Internet nos últimos tres meses

xoves, 22 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Os días pasados publicouse un estudo que bota luz sobre o nivel de afianzamento dixital que mostra a nosa terra en relación á xente nova, incluídas crianzas e adolescentes. Estamos a falar do estudo A mocidade e as TIC, que achega datos correspondentes ao ano pasado e que salienta por ofrecer taxas altas de dixitalización, e máis se as comparamos coas porcentaxes acadadas polas restantes franxas de idade. O estudo, elaborado polo observatorio OSIMGA da axencia AMTEGA, guinda datos de interese como que o 97,2% das mozas e mozos de 16 a 34 anos navegou por Internet nos últimos 3 meses, fronte ao 66,4% das persoas de 35 a 74 anos que navegaron por Internet nese período.
Ademais, confírmase unha vez máis o factor de divulgación e normalización tecnolóxica introducido nas súas familias polos nenos e polos adolescentes, un factor que cobrou aínda máis peso en 2017. A que se refire isto? Pois basicamente a que a nosa xente nova segue ser en boa medida a responsábel da introdución das novas tecnoloxías nos fogares, e tamén responsábel de que os demais membros da familia se familiaricen con elas. Isto reflíctese novamente no seguinte dato publicado no estudo: a contratación de internet nos fogares galegos con nenos en idade escolar, de 3 a 16 anos, increméntase ata o 94%, cinco puntos máis que no ano anterior, e acada unha diferencia de 20 puntos respecto aos fogares nos que non residen nenos. Ademais, a contratación deste servizo increméntase aínda máis nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,1%.
Na investigación tamén se fai saber que o o 91,1% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navega acotío, cada día, fronte ao 75,2% de internautas de 35 a 74, o que amosa unha diferenza xeracional de 15,9 puntos porcentuais neste indicador.
No que atinxe ás rutinas dos internautas, aumentan as compras de bens ou servizos a través de Internet nos 3 últimos meses entre os mozos ata o 48,7%, 3,7 puntos máis que o ano anterior e tamén entre so os internautas de maior idade que alcanzan o 32%, (0,5 puntos máis que o ano anterior).
Respecto aos trámites coas administracións públicas, os internautas máis novos (16 a 34 anos) relacionáronse en maior medida coas administracións públicas a través de Internet, especialmente na procura de información (79,5%) ou no envío de formularios cubertos (75,4%).

PUBLICIDADE