O AI Pin de Humane podería venderse a 699 dólares

xoves, 9 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses causou furor a presentación que un dos fundadores de Humane, Imran Chaudhri, realizou nunha conferencia TED, deixando ver as posibilidades da súa tecnoloxía de intelixencia artificial que pretende facer que os dispositivos que empreguemos para tal fin sexan case invisibles. O feito de que os fundadores de Humane traballasen no pasado para Apple fai que moitos confíen en que a súa proposta sexa algo factible, e que incluso poida revolucionar o xeito de relacionarnos coa tecnoloxía.
Aínda que converter a tecnoloxía innovadora nun produto comercial é un reto moi complexo de superar, semella que están a piques de conseguilo, e dende The Verge anticipan que é posible que o primeiro trebello de Humane, coñecido como AI Pin, saia finalmente á venda por un prezo de 699 dólares ao que habería que sumar unha subscrición mensual de 24 dólares, que incluiría a conectividade móbil achegada polo operador T-Mobile.
Esta insignia con IA podería describirse como un smartphone sen pantalla, que pode prenderse magneticamente á roupa, e que contaría con baterías intercambiables para poder gozar de autonomía todo o día. Funcionaría cun procesador Qualcomm Snapdragon; integraría cámara e sensores de movemento e profundidade; e aínda que integra un altofalante, tamén pode conectarse a auriculares Bluetooth.
Este trebello controlaríase mediante voz, e supliría a carencia de pantalla cun proxector de láser verde que permitiría amosar información na man do usuario.
O máis curioso deste trebello é que non dependería dun smartphone para funcionar, senón que sería un produto totalmente autónomo, o que pode ser toda unha revolución ao proporse como unha alternativa ao teléfono móbil.

Presentación TED na que Imran Chaudhri amosa a tecnoloxía de Humane

PUBLICIDADE