O Acer Aspire S 24 integra carga sen fíos na súa base

luns, 2 de abril do 2018 Marcus Fernández

O Acer Aspire S 24 inicia a súa chegada ao mercado, comezando polos EE.UU., onde este ordenador de sobremesa sae á venda a un prezo que parte dos 899 dólares, destacando este equipo de escritorio polo seu elegante deseño e boas prestacións, xunto cun detalle bastante rechamante: a base do seu monitor, na que se integra o equipo informático e os seus portos, conta cunha superficie de carga sen fíos Qi, de xeito que teriamos unha solución moi cómoda para recargar a batería de smartphones compatibles.
Este novo ordenador todo-en-un funciona con procesadores Intel Core i5/i7 de 8ª xeración de 4 núcleos, a partires de 8 GB de RAM (ampliable até 32 GB) e disco duro de 1 TB, ten unha pantalla IPS Full HD de 23,8 polgadas cun marco de só 5,97 milímetros de grosor que ofrece unha calidade de imaxe notable, e tampouco descoida o son ao integrar subwoofer compatible con Acer TrueHarmony e Dolby Audio Premium. Tamén conta con Wi-Fi AC, 1 USB 2.0, 3 USB 3.1, 2 portos HDMI e Ethernet. Inclúe teclado e rato sen fíos. Un equipo a ter en conta para quen queira optimizar o espazo no seu escritorio e gozar dun deseño moi coidado.

JPEG - 97.3 KB
A base do Aspire S24 pode empregarse para recargar smartphones con carga sen fíos Qi

PUBLICIDADE