O Ai Pin iniciará a súa distribución en marzo

venres, 22 de decembro do 2023 Marcus Fernández

En novembro presentouse oficialmente o Ai Pin de Humane, un trebello que aspira a substituír ao smartphone, dicindo adeus á pantalla e optando por unha interacción máis natural coa tecnoloxía, grazas ás posibilidades da intelixencia artificial.
O Ai Pin sae á venda inicialmente nos EE.UU. a un prezo de 699 dólares, aos que habería que engadir unha mensualidade de 24 dólares para poder empregar o dispositivo e gozar de conectividade móbil a través do operador T-Mobile.
Aínda que é unha incógnita a recepción comercial que terá un dispositivo tan diferente ao que estamos afeitos, o que xa se sabe é cando chegará finalmente ao mercado, pois Humane vén de anunciar que os envíos do Ai Pin comezarán en marzo de 2024.
Os envíos deste trebello realizaranse respectando a orde dos pedidos, aínda que non parece que haxa ringleiras de persoas agardando por adquirir un produto que ninguén puido probar no mundo real, e cunhas prestacións e un formato máis que discutible. O que si parece claro é que pode marcar os pasos a seguir no futuro ao establecer novos xeitos de relacionarnos coa tecnoloxía, aínda que sexa con dispositivos máis habituais como un reloxo ou uns auriculares.

PUBLICIDADE