O Apalpador pide á Xunta que este sexa o derradeiro Nadal sen programación infantil e xuvenil en galego
venres, 22 de decembro do 2023
A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou
este 22 de decembro, na praza do Obradoiro de Santiago, un acto
festivo no que o Apalpador e un grupo de crianzas lle pediron ao
presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que este sexa "o derradeiro
Nadal sen programación infantil e xuvenil en galego". A
petición
forma parte dunha campaña de mobilización na Rede á que podemos
adherirnos a través da web da Mesa.
O Apalpador lamentou este venres en Santiago non
poder agasallar as crianzas galegas a Canle Xabarín que lle piden
cada ano, debido, dixo, “ao incumprimento da Iniciativa Xabarín
que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego en maio de 2021,
despois de meses sumando o apoio de ducias de colectivos e de máis
de 33.000 persoas”. E engadiu: "Mentres non se cumpra o acordo
parlamentar promovido pola Mesa, con amplo apoio social, a nenez e a
mocidade galegas seguirán sen poder gozar con programación
audiovisual na súa lingua, en todos os dispositivos e plataformas de
contidos audiovisuais”.
O presidente da asociación en defensa da lingua,
Marcos Maceira, recordou que "a programación infantil e xuvenil
en galego é apenas o 0,83% da dispoñible nas operadoras de
televisión e que a TVG reduciu o espazo reservado a esta
programación na segunda canle, mentres que o galego está dispoñible
no 0% das emisións na canle temática Clan, de TVE". E engadiu:
"É lamentable que haxa que reaxir para se cumprir a lei e os
acordos unánimes do Parlamento galego, mais as fobia ao galego de
Alfonso Rueda non pode estar por riba da demanda cidadá de que a TVG
impulse a oferta en galego para nenos e nenas. Estase a impedir que a
infancia e a mocidade galegas teñan unha mínima posibilidade de
acceso a contidos audiovisuais televisivos orientados a elas. Para
iso, o presidente Rueda non dubida en boicotar directamente unha
decisión do Parlamento sobre a TVG". Maceira concluíu
sinalando que “os poderes públicos teñen obriga de promoción do
galego e as televisións públicas teñen que estar ao servizo da
sociedade, tanto a TVG como TVE deben favorecer o acceso das crianzas
á súa lingua. Xa abonda de incumprir todos os acordos e leis
favorables ao idioma de Galiza".
O acto no Obradoiro rematou cun concerto de
Roberto Sobrado.