O Apple Watch incrementa o tamaño da súa pantalla

martes, 14 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Dos produtos renovados por Apple no seu último evento o máis decepcionante para moitos foi a chegada do Apple Watch Series 7, non por ser un mal produto, senón porque os rumores apuntaban a que experimentaría un profundo redeseño que finalmente non chegou, xa que limitouse a cambios lixeiros, como unha maior pantalla grazas a unha redución dos seus marcos ao mínimo, unha maior resistencia, carga máis rápida e novas cores.
O novo Apple Watch recoñécese claramente polo incremento da súa pantalla en preto do 20% grazas a que os marcos son agora de só 1,7 milímetros, ou sexa, que aprovéitase mellor o espazo. A interface de uso adaptouse a este novo escenario, pretendendo que o lixeiro incremento do tamaño de pantalla permita que certos elementos poidan ter un maior tamaño e así sexan máis doados e áxiles de empregar, de aí que poidamos gozar agora dun novo teclado QWERTY en pantalla.
O cristal do Apple Watch Series 7 é un 50% máis groso que na xeración anterior, conseguindo así unha maior resistencia. Tamén conta con resistencia IP6x ao po e resistencia á auga WR50 (polo que sería apto tanto para augas abertas como para piscinas). No que á carga se refire, carga un 33% máis rápido, promete unha autonomía de até 18 horas cunha única carga e, como detalle a salientar, o seu cargador magnético ten un porto USB-C, o que está a converterse na norma de Apple para todos os produtos agás os iPhone.
Entre as novidades do reloxo destaca que o rexistro de ciclismo de exterior casa coa detección de caídas, de xeito que o reloxo pode chamar aos servizos de emerxencia ante algún accidente. Para que o usuario non aparte a vista da estrada o reloxo tamén informará dos progresos no adestramento mediante mensaxes de voz.
Este novo reloxo chegará no outono, sen precisarse polo momento a data de lanzamento. O que si detallaron é que nos EE.UU. o seu prezo partirá dos 399 dólares, manténdose en catálogo o Apple Watch SE a 279 dólares e o Apple Watch Series 3 a 199 dólares, deixando claro que Apple quere manter un amplo abano de reloxos para facer máis accesible a súa compra.

Vídeo promocional do Apple Watch Series 7

PUBLICIDADE