O Archive Team quere preservar a música de SoundCloud

martes, 18 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A preservación da memoria dixital é todo un reto, xa que actualmente almacenamento grandes cantidades de contido en servizos de terceiros que en numerosas ocasións non achegan métodos para poder conservar o material a longo prazo, de xeito que un futuro peche do servizo pode levar a que textos, sons e vídeos pasen ao esquecemento, como aprendemos polas malas co peche de medios de comunicación e varias plataformas sociais e para loitar contra esta problemática existente iniciativas de conservación como Archive Team, fundado por Jason Scott en 2009, e que tras conseguir gardar parte do material de plataformas como GeoCities ou Google Video, anuncian agora que van a procurar facer copia do audio almacenado en SoundCloud.
SoundCloud está considerado como o YouTube do audio, e aínda que no pasado tivo grandes problemas por mor do copyright, o servizo parecía ter chegado a certa consolidación, de xeito que actualmente está a empregarse masivamente por parte de moitos artistas para compartir pezas musicais experimentais ou gravacións de afeccionados, o que non parece ser dabondo para manter economicamente a súa estrutura empresarial, de xeito que tivo que realizar serios axustes, aínda que o cofundador da compañía, Alex Ljung, declarou que polo momento SoundCloud non vai pechar e a súa música está segura.
A ameaza de desaparición podería non ser moi seria, pero segue aí, e por iso dende o Archive Team propóñense a facer unha copia selectiva das pistas sonoras de SoundCloud en MP3 a 128 Kbps, que actualmente ocupan uns 855 TB, comezando tal copia de seguridade hoxe mesmo para a súa incorporación á súa colección en Archive.org.

PUBLICIDADE