O Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago presentou a súa nova web e catálogo en liña

luns, 11 de maio do 2026 S. P.

O Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago presentou a súa nova web, froito de case un ano de traballo e desenvolvida pola empresa DataLib. A páxina, en formato de subdominio da web catedralicia, foi concibida para facilitar o acceso á información sobre os fondos, servizos, actividades e publicacións destas dúas institucións.
Estrutúrase en tres grandes apartados: Información xeral, Fondos e coleccións e Servizos. Nela, as persoas usuarias atoparán contidos amplos sobre os recursos do Arquivo e da Biblioteca, así como os seus catálogos en liña.
Segundo destacaron, un dos principais atractivos da plataforma é o novo catálogo do Arquivo, desenvolvido co software libre e de código aberto AtoM (Access to Memory). Esta ferramenta, baseada nos principais estándares de descrición arquivística, permitirá consultar non só as catalogacións, senón tamén imaxes de documentos de especial valor histórico.
Entre os materiais que xa se poderán visualizar figuran protocolos notariais dos séculos XV ao XVIII, actas capitulares do século XVII e fotografías decimonónicas do sacerdote José Limia Rodríguez.