O Arquivo Municipal de Lugo estrea nova web
xoves, 21 de novembro do 2024
O Arquivo Municipal de Lugo estrou nova web esta mesma semana, un recurso para “facilitar á cidadanía un acceso máis áxil e eficiente a este servizo”, segundo explicou a alcaldesa Paula Alvarellos, engadindo que a páxina é o resultado do traballo levado a cabo polo obradoiro dual de emprego ArquivaLugo, que “puxemos en marcha dende a área de Dinamización Económica do Concello”. Podemos ver o novo sitio en arquivomunicipaldelugo.gal.
No obradoiro, que chegará ao seu remate este venres (logo de 12 meses), matriculáronse 20 alumnos, de entre 25 e 61 anos. Conta con tres especialidades formativas: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos; Confección e publicación de páxinas web; e Deseño de produtos gráficos.
A rexedora agradeceu o traballo desenvolvido ao longo do último ano polo persoal docente e alumnado que supuxo recuperar dixitalmente 91 libros de Actas Consistoriais comprendidos entre a segunda metade do século XVIII e segunda metade do século XIX e máis de 69.363 imaxes. Neste senso, Alvarellos subliñou que “os labores efectuados polos tres módulos suporán un antes e un despois non só para o funcionamento do Servizo de Arquivo como parte integrante da institución municipal senón tamén para o Arquivo como gardián do patrimonio documental lucense, como institución da memoria que é”.
Deste xeito, a nova páxina web, que integra un folleto informativo, permitirá achegar o Arquivo á cidadanía, facéndoo máis accesíbel e próximo. “Así, cómpre destacar o papel fundamental da dixitalización das Actas Consistoriais, unha das fontes documentais máis consultadas polos investigadores e documentación fundamental de calquera arquivo municipal, e que pasarán a estar accesibles dende a nova web xunto coa colección fotográfica Delgado Guisasola, enormemente demandada e que está formada por máis de 2.500 imaxes que retratan o Lugo da primeira metade do século pasado” explicou.
Así mesmo, tamén se levou a cabo a dixitalización de licenzas de obra de 1951 a 1954, “o que permitirá ofrecer un servizo máis áxil e eficiente a usuarios internos e externos e preservar correctamente a documentación orixinal, evitando a súa manipulación”, explicou a rexedora, engadindo que “estes traballos supuxeron a dixitalización de máis de 900 expedientes de licenzas de obra maior deste período que abranguen un total de 14.061 novas imaxes e que veñen a completar o traballo desenvolto por outros obradoiros de emprego”.
A todo o devandito cumpriría engadir a creación dun rueiro interactivo, “petición constante dos usarios do Arquivo dende hai tempo e que axuda, xunto con todo o demais, a conformar unha nova ventá aberta do Concello cara a veciñanza, unha ventá aberta á súa propia historia e á memoria colectiva que compartimos como pobo de Lugo”, concluíu Alvarellos.
Pola súa banda, o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, engadiu que “con esta capacitación contribuímos a enxalzar o noso patrimonio histórico, neste caso o documental, especialmente tendo en conta o pasado de nosa cidade, e que en moitas ocasións é difícil difundir. Ademais, buscamos mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas, a través da súa cualificación, en alternancia coa adquisición de experiencia laboral ao tempo que favorecemos a preservación da nosa historia”, explicou.