O Arquivo da Catedral de Santiago pon na Rede o fondo fotográfico de José Limia

xoves, 6 de febreiro do 2025 S. P.

Desde estes xoves 6 de febreiro é posíbel consultar no catálogo online do Arquivo da Catedral de Santiago o fondo fotográfico do sacerdote José Limia Rodríguez, constituído por un total de 193 negativos en placas de vidro realizadas entre 1894 e 1910, que chegaron ao arquivo por doazón de Anxo Porto Anido e que foron restaurados, dixitalizados e catalogados polo fotohistoriador Carlos Castelao no ano 2023 grazas a unha axuda económica da Dirección Xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Segundo informaron dende o Arquivo da Catedral, “atopámonos ante un dos conxuntos de negativos fotográficos en placas de vidro en mans dunha institución máis importante de Galicia na súa tipoloxía, isto é, daquelas producidas dentro do ámbito da fotografía de afeccionados entre finais do século XIX e principios do século XX”.
Un dos aspectos máis destacados é que as fotografías de Limia foron empregadas profusamente polo historiador e cóengo Antonio López Ferreiro para ilustrar a súa obra. En canto aos intereses temáticos que manifesta, hai sobre todo fotografía urbana (monumental e panorámica) e rural (monumental e paisaxística), pero tamén de eventos, ornamentación litúrxica, tapices e bordados, pintura e debuxo, escultura, ourivaría e artes decorativas, e, por fin, documentaria.
En canto ao ámbito xeográfico das tomas, ao redor dun 60% recollen aspectos relacionados con Santiago de Compostela, pero tamén con Padrón, Pontecesures, Betanzos, Brión, Caldas de Reis, Muros, Noia, Outes, Silleda (Carboeiro), Tui, Val do Dubra (Portomouro) e Vilagarcía de Arousa.
A este conxunto sumáronse recentemente outros 61 negativos do propio Limia que chegaron ao arquivo por vía de depósito en novembro do ano pasado, pertencentes á familia Lorenzo Sueiro, e que serán oportunamente tratados co obxectivo de incorporalos ao catálogo online, así como de realizar un estudo e unha exposición no futuro.