O Arquivo da Emigración Galega pon na Rede fondos da asociación bonaerense Casa de Galicia

xoves, 28 de novembro do 2024 S. P.


O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á Rede material da Asociación Casa de Galicia de Bos Aires, composto por libros de actas, estatutos e folletos da súa actividade. A iniciativa enmárcase no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Trátase, en palabras do CCG, duns documentos que permiten achegarse ao coñecemento desta sociedade asentada na capital arxentina que continúa a organizar actividades culturais, recreativas e de apoio á colectividade.
A documentación que o Arquivo da Emigración Galega (AEG) vén de facer pública reflicte a historia dunha colectividade destacada da emigración galega na capital Arxentina, creada para fomentar “a solidariedade, a cultura, a arte, o rexionalismo e o recreo”, dando protección de mutua de axuda aos galegos residentes en Arxentina e protexendo os seus dereitos cando fosen vulnerados. Na traxectoria desta entidade organizáronse cursos de idiomas, de contabilidade, de caligrafía ou de artes, entre outras moitas materias. A súa sede orixinal estaba na rúa San José, activa aínda hoxe, e viviu unha etapa esplendorosa nas décadas do anos 1940 e 1950, destacando pola súa defensa da cultura galega e participando nas diversas homenaxes aos guieiros da mesma e apoiando a campaña a prol da autonomía de Galicia e da República.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en febreiro deste ano o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega pendúrase na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.