O Arquivo da Emigración Galega pon na Rede fondos do Centro Gallego do Rio de Janeiro
venres, 30 de maio do 2025
O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á Rede fondos do Centro Gallego do Rio de Janeiro, creado en 1899 por galegos emigrados á cidade brasileira. Os fondos, formados por libros de actas, estatutos, contabilidade e folletos de numerosas actividades, estudáronse, dixitalizáronse e subíronse a Internet ao abeiro do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega.
En palabras do CCG, estamos ante “unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio”.
Lembra o Consello da Cultura que a sociedade creouse, tal e como figura na documentación posta en Rede, para “fomentar a unión fraternal, dispensar asistencia e ofrecer auxilio material aos paisanos que puidesen atravesar momentos difíciles de distinta natureza”. Foi impulsada por Manuel Núñez Martínez, Telmo Veloso e José Fariña Rilo, malia que tamén tivo un peso destacado Matías Fernández Murias, que o recoñeceu nomeándoo Presidente Honorario.
Nesta entrega do proxecto engádense os libros de actas, que, segundo indica o CCG, “permiten ver a diversificada composición desta sociedade de emigrantes”. Entre os socios iniciadores que presidiron as primeiras xuntas directivas figuraban: Bautista Segundo Iriarte, José Luis Diz, Serafín González Nogueira, José Blanco Ameijeiras, Manuel Fernández Domínguez, José Ramos Piñeiro ou Manuel García Rivas.
Entre os recursos principais legados polo centro atópase o seu voceiro: El Correo Gallego. Semanario independiente de Intereses Generales. Foi fundado en 1903, dirixido por Antonio de la Cuesta, con Manuel García Rivas como administrador e José Luis Diz como xerente. O seu contido abordaba asuntos directamente relacionados coa entidade, como as convocatorias das asembleas de socios, as memorias anuais presentadas nesas xuntanzas ou os resultados das eleccións dos novos membros das xuntas directivas. Outra das iniciativas que centran o labor de dixitalización son as Escuelas nocturnas del Centro Gallego dirixidas por Jesús Muíños e Carmelo Seoane.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta escolma dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación do Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.