O Arquivo da Emigración sobe á Rede fondos documentais da Agrupación Artística Gallega da Habana
xoves, 26 de setembro do 2024
Fondos da Agrupación Artística Gallega da Habana, creada en 1919 e hoxe aínda en activo, conforman a nova entrega do especial web Memoria documental das sociedades da emigración galega que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e xa dispoñíbel na web da institución.
Deste xeito, o Arquivo da Emigración Galega (AEG) pon na Rede o material pertencente esta sociedade que estivo presente na vida cultural habaneira dende o inicio do século XX e que segue activa. Entre o material que se pode atopar hai libros de actas das reunións das xuntas directivas da Agrupación, en intervalos que oscilan entre 1922 e 1934; libros de actas das reunións das xuntas xerais de socios (1944-1949); regulamentos de 1919 e 1921 e tamén unha carta de 1927 e libros de balances de tesourería dos anos 20 ou libros de rexistro de socios que abranguen boa parte do século XX. Tamén se conserva, aínda que sexa incompleto, o libro de caixa de funcións teatrais de 1923 ata 1926, que rexistraba o que custaba poñer en marcha unha función teatral (alugueiro do teatro, imprimir convites...) hai un século na Habana.
Entre a documentación que se pode consultar na web está tamén o volume de asociados e cantidades ingresadas. Entre elas pódese ver unha axuda económica que se decidiu enviar a unha das fillas de Manuel Curros Enríquez. Esta agrupación formaba parte da rede solidaria de asociacións de galegos e españois no exterior que se organizaban para reunir capital co obxectivo de obras solidarias.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
Dende febreiro deste ano o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Trátase dunha iniciativa que procura divulgar os fondos documentais que se custodian no AEG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. Cunha periodicidade mensual, póñense na Rede os documentos xerados por estas institucións. Trátase de elementos como libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes co fin de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.