O Asistente de Google farase máis internacional en 2018

venres, 23 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Adiantándose á celebración do Mobile World Congress de Barcelona dende Google anuncian que o seu Asistente vai experimentar un grande crecemento no presente ano, para o que farán unha grande expansión internacional deste servizo que actualmente está dispoñible en 8 idiomas e pretende rematar 2018 con máis de 30, así como estando dispoñible no 95% dos smartphones capaces de funcionar con esta tecnoloxía.
Outra funcionalidade interesante que desenvolverán ao longo do ano será o soporte multilingüe, de xeito que se unha persoa fala varios idiomas poderá dirixirse ao Asistente de Google no que considera mellor en cada momento, comezando esta prestación co inglés, o francés e o alemán.
Aínda que inicialmente Google quería restrinxir o seu Asistente a móbiles da familia Pixel, ao ver como algúns fabricantes correran a pechar acordos cos seus competidores, mudaron de estratexia, e agora anuncian que van esforzarse para que distintos fabricantes integren o Asistente de Google nos seus dispositivos, de xeito que incluso poderemos dicirlle OK Google ao teléfono coa pantalla apagada para que nos entenda. Entre os fabricantes cos que procurarán esta mellor integración están LG, Sony e Xiaomi.
Pero o Asistente de Google non vai limitarse a teléfonos móbiles, senón que tamén funciona con altofalantes conectados e outros dispositivos, polo que cada vez teñen que incorporarlle novidades como as rutinas (que facilitarán a realización de varias accións de vez para que, por exemplo, cando digamos ao asistente que chegamos a casa de prendan as luces e comece a escoitarse música) e os recordatorios baseados en localizacións (que permitirán que cando estamos na casa digamos a un altofalante que nos lembre mercar algo para que o noso teléfono faga tal cando cheguemos á tenda).

PUBLICIDADE