O Asistente de Google por fin fala español

xoves, 2 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O anuncio de que o Pixel 2 XL ía venderse en España a partires do pasado 26 de novembro recibiuse con moita ilusión non só porque supuña que os smartphones da familia Pixel estarían por fin dispoñibles oficialmente no noso territorio, senón tamén polo feito de que iso suporía que un dos seus grandes atractivos, o Asistente de Google, ampliaría o número de linguas nas que está dispoñible, o que vén de confirmarse, de xeito que opera en español para todos os dispositivos con Android 6.0 ou superior, iniciando a súa distribución precisamente co Pixel 2 XL.
O Asistente de Google permítenos conversar co buscador mediante linguaxe natural, de xeito que podemos preguntarlle polo estado do tráfico, por restaurantes nas proximidades, polo cambio de moeda, pola previsión meteorolóxica ou para comprobar a axenda, así como para realizar chamadas telefónicas ou simplemente botar unhas risas preguntándolle curiosidades para descubrir que ten programadas respostas divertidas.
Polo momento o Asistente de Google está dispoñible en español a través da aplicación Allo, pero nos móbiles que optasen á súa integración (como o mencionado Pixel 2 XL) será posible invocar ao Asistente con premer durante un anaco o botón de inicio ou dicindo «OK Google», co que iniciaremos unha conversación.

O Asistente de Google en español está dispoñible a través de Allo

PUBLICIDADE