O Atlas Histiolóxico Virtual da UVigo celebra 10 anos xuntando seareiros de 200 países

mércores, 27 de setembro do 2017 Redacción

O Atlas Histiolóxico Virtual da Universidade de Vigo vén de cumprir unha década de andaina. E faino, en parte, relembrando as orixes do proxecto e dando conta dos seus moitos éxitos galegos, estatais e internacionais. Segundo fan saber os profesores Manuel Ángel Pombal, Pilar Molist e Manuel Megías, investigadores principais do grupo de investigación Neurolam (de cuxo seo abrollou a iniciativa), a proposta inicial coa que se publicaron as primeiras páxinas do atlas virtual foi “crear un sitio web relacionado con diferentes materias da licenciatura en Bioloxía para axudar ao alumnado”. Co tempo foi medrando en contidos e apartados, á vez que se ampliou o número, tipo e a nacionalidade dos usuarios e usuarias.
Este mes cumpre dez anos e celébrao, en palabras dos seus impulsores, “nunha ferramenta moito máis completa dirixida a calquera persoa interesada en estudar a célula e os tecidos animais e vexetais, con seareiros en preto de 200 países, sobre todo en Hispanoamérica, pero tamén en lugares como Estados Unidos ou a India”. Segundo informan, no que vai de ano o atlas rexistrou xa máis dun millón douscentos mil usuarios, unha media duns 9.000 usuarios por día.
Segundo explican, ao longo deste tempo “o tamaño do sitio medrou enormemente”, pero, “tanto no deseño como nos contidos”, tensouse valorar sempre a utilidade da información por enrima doutras consideracións. Seguindo este principio, engaden, “o atlas foi mellorando cos anos, tanto na cantidade e variedade de contidos como esteticamente ou en facilidade de uso”.
O conxunto de seguidores do atlas proceden de 184 países, encabezando a lista de visitas México, de onde proceden o 24% dos usuarios e usuarias, seguido de Colombia (16%), España (9%) e, xa en menor medida, outros países tamén de fala hispana. Pola súa banda, o ránking de lugares non hispanos dos que proceden máis visitantes son Estados Unidos, Brasil e India. “Agora, a medida que imos avanzando na tradución ao inglés dos distintos apartados, medran tamén as porcentaxes de acceso non só desde países como Estados Unidos, senón tamén de Canadá, Malaisia, Indonesia ou Filipinas”, recalcan desde Neurolam. Aínda que non se pode especificar un perfil de usuario típico, os responsábeis do atlas entenden que está “sendo unha ferramenta empregada maioritariamente por estudantes, non só universitarios, senón tamén do ensino medio, así como gran número de profesionais e persoas interesadas no ámbito da citoloxía e a histoloxía”.
Respecto da evolución do atlas virtual tivo un medre continuo ao longo destes anos. Conforme foi medrando engadíronse novos apartados sobre os tecidos (histoloxía) tanto animais como vexetais, tales como as seccións dedicadas ás células, aos órganos animais e vexetais, ou ás técnicas histolóxicas. A día de hoxe conta cunha sección de microscopía virtual e outra de descargas, na que ofrecen os contidos en formato MP3 e PDF, e engadíronse algúns vídeos. Outra das novidades foi iniciar a versión en inglés da web.
Respecto das licenzas de coñecemento elixidas, responden a unha firme crenza dos seus impulsores: “O coñecemento e as ferramentas docentes, sexan as que sexan, deben estar dispoñíbeis para toda persoa que as precise, con independencia da súa nacionalidade ou status social e sen restrición algunha”. E engaden: “O que coñecemos hoxe en día acerca de nós mesmos e de todo o que nos rodea é o resultado dun esforzo colectivo ao longo do tempo; por iso, todo o contido deste sitio atópase baixo unha licencia Creative commons by-nc-sa”.