O Atlas de Covas e Canóns de Galicia colle corpo na Rede

venres, 11 de xuño do 2021 S. P.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado dos responsábeis da Federación Galega de Espeleoloxía, presentou este 11 de xuño o Atlas de Covas e Canóns de Galicia que xa ten recursos dispoñíbeis na Rede para todos os usuarios. Lete puxo en valor o máis de medio milleiro de recursos que se atopan neste atlas, entre covas e canóns, incluída a máis famosa de todas: a Cova do Rei Cintolo, a máis grande de Galicia e a que conta con maior percorrido horizontal.
Segundo fixeron saber, o Atlas de Covas e Canóns de Galicia conta na actualidade con máis de medio milleiro de recursos: 492 covas e 21 canóns que representan 40 quilómetros topografiados e 1.102 metros de profundidade. Reúne as catro paisaxes subterráneas galegas (carst, pseudocarst, paracarst, covas de consecuencia), as construcións subterráneas máis singulares e os canóns equipados para a práctica deportiva.
“Trátase dun catálogo exhaustivo de covas, barrancos e canóns, que ofrece todos os datos posíbeis sobre cada un deles, tanto para facer máis doada e segura a visita como para permitir a análise da información unha vez estea dixitalizada”, sinalou.
A Federación utiliza información básica e cartografía recollida na plataforma de Información Xeográfica de Galicia da Xunta.

PUBLICIDADE