O BCE considera que o Bitcoin está en vésperas da súa irrelevancia

mércores, 30 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Non é ningunha sorpresa que o Banco Central Europeo non está a favor dos criptoactivos que tan populares se fixeron nos últimos tempos, e para constatar a súa posición veñen de publicar un artigo no seu blog oficial dando a entender que que o Bitcoin está no que podería ser o chanzo que o separa do colapso.
O director xeral do Banco Central Europeo, Ulrich Bindseil, e o asesor Jürgen Schaaf lembrar que o Bitcoin chegou a valar 69.000 dólares en novembro de 2021, para caer a 17.000 dólares en xuño de 2022, data dende a que se moveu no contorno dos 20.000 dólares, no que consideran que é unha sorte de coma inducido que rematará na irrelevancia dunha solución que pese a ser creada como unha alternativa ao sistema monetario e financeiro, practicamente non se emprega en transaccións legais.
Na práctica o Bitcoin non existe como unha moeda dixital descentralizada global, senón como un valor empregado para a especulación, o que queda cada vez máis patente cando vemos as caídas catastróficas de empresas que fan negocio con este tipo de activos altamente volátiles.
Dende o Banco Central Europeo teñen claro que o potencial prometedor da tecnoloxía blockchain non é dabondo para engadir valor ao Bitcoin, e o feito de que existan grandes investimentos en Bitcoin pode dar a impresión de que estamos ante algo sólido, pero está moi lonxe de ser así. Incluso inciden no feito de que a minaría de Bitcoin consume ao ano tanta enerxía eléctrica como Austria e xera refugallos como todos os Países Baixos, consecuencia de ser un sistema ineficiente que contamina dun xeito sen precedentes.
En conclusión, os expertos do Banco Central Europeo sosteñen que Bitcoin non é axeitado como sistema de pagamento nin como forma de investimento, polo que non debe tratarse como tal en termos normativos nin debe lexitimarse. Instan así á prudencia, xa que entenden que os investimentos en Bitcoin poden provocar danos a longo prazo, entre os que destacan o seu impacto na reputación da industria financeira.

PUBLICIDADE