O BNG aposta por mobilizar 1.180 millóns euros en dixitalización a través dos fondos Next Generation

mércores, 7 de abril do 2021 S. P.

A portavoz do BNG Ana Pontón estivo este 7 de abril en Lugo para presentar os proxectos da súa agrupación financiábeis con cargo aos fondos europeos Next Generation, proxectos para, nas súa palabras, “dixitalizar os sectores público e privado e modernizar a Administración, a actividade económica e a igualdade de oportunidades”.
Segundo fixo saber, estas propostas teñen como punto de partida a creación do que sería o Consorcio Galego para a Capacitación e as Competencias Dixitais, unha iniciativa estratéxica de todo o sector público (impulsada pola Xunta, as Administracións Locais e Universidades), “para promover mobilizar 1.180 millóns de euros até 2027 para situar a Galiza na vangarda da dixitalización no sector público e privado", investimento para desenvolver cinco grandes programas de dixitalización: de capacitación da poboación, das administracións, das empresas, do ensino e do patrimonio cultural e arquivístico.
En relación ao programa de capacitación dixital da poboación sinalou que “o obxectivo é atender aos sectores que por condicións económicas ou de idade teñen menor acceso ás tecnoloxías e reducir a fenda dixital por razóns xeracionais, xeográficas ou económicas”. Trátase, dixo, de “democratizar o acceso e o uso ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.
Pontón engadiu que o programa de dixitalización das administracións persegue facilitar á cidadanía tramitar todo tipo de documentos en formato dixital e online, desde unha inscrición de nacemento a un certificado de defunción. “Ao mesmo tempo, debe permitir avanzar na completa dixitalización dos labores administrativos e de xestión”, dixo.
No que atinxe ao programa de dixitalización e competencias dixitais das empresas, este pon o focon nas pemes e nas micro empresas de economía social, “cun plan de formación adaptado ás necesidades de cada sector como o comercio, a hostalaría ou o turismo”, engadiu.
En canto ao programa de dixitalización e competencias dixitais no ensino, “a pandemia puxo en evidencia as graves carencias tecnolóxicas e formativas no ensino, e as desigualdades no acceso ao ensino online, polo que o obxectivo sería desenvolver un ambicioso plan formativo dirixido a toda a comunidade escolar,
- profesorado, alumnado e familias-, incluíndo os recursos necesarios para dotar de ordenadores e dunha boa conexión a internet a todo o alumnado que o precise”, debullou, engadindo que o último programa, o de dixitalización do patrimonio cultural e dos arquivos, iría orientado a aplicar as novas tecnoloxías a este ámbito, para catalogar, conservar e promover o patrimonio cultural galego.
Ademais do Consorcio para a dixitalización, o BNG considera prioritario impulsar a tecnoloxías intelixentes e a análise de información a gran escala (o que se coñece como Big Data) cun investimento de 350 millóns de euros, para desenvolver a tecnoloxía 5G en todo o territorio, crear unha rede pública de intelixencia artificial.

PUBLICIDADE