O BNG de Rianxo solicita incorporar o concello á Rede de Aulas CeMIT
mércores, 3 de xaneiro do 2024
O BNG
de Rianxo rexistrou unha moción para o pleno da Corporación
local destinada a solicitar unha Aula CeMIT para o concello. Segundo
lembra a agrupación, a petición non é nova, e, de feito, foi unha
das reclamacións do anterior equipo do Concello á Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), con vistas a iniciar
os trámites para contar cun espazo de formación dixital e “ampliar
as competencias tecnolóxicas da nosa veciñanza”.
O BNG de Rianxo sostén que sería unha maneira
axeitada de complementar e amplificar a actividade do Concello
despregada polo servizo de informática da Aula de seu. A agrupación
lembra que actualmente a Rede CeMIT forma parte do novo Plan para o
impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia,
Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que fusiona os anteriores
Plan de Inclusión Dixital 2020 e Plan DigiTalent 2020 nun único
instrumento estratéxico que toma o seu relevo para enfocarse no
horizonte 2030 coa misión de conseguir “unha sociedade máis
autónoma dixitalmente que non deixe a ninguén atrás”. E engade o
BNG: “Este é precisamente o noso desexo, que consiste en dar
competencias dixitais a toda a veciñanza sen exclusións, por iso
entendemos que debemos poñer todos os recursos das diferentes
administracións na procura deste obxectivo”.