O BNG propón achegar subtítulos galegos aos produtos das plataformas Netflix e Movistar+
mércores, 23 de maio do 2018
A
actividade semana das Letras Galegas e de Internet (o 17 de maio e os
días anteriores e posteriores) aínda se deixa notar. E faino con
propostas que abranguen as dúas cuestións, o galego e as
tecnoloxías. Sen ir máis lonxe, a
deputada do BNG Olalla Rodil defendeu onte
no Parlamento
unha proposición non de lei para
incorporar nas plataformas tecnolóxicas
de contidos audiovisuais
como Netflix ou Movistar+ subtítulos en lingua galega
nos seus produtos.
Rodil
convidou á Xunta a “desenvolver
as medidas necesarias para garantir o acceso a unha oferta ampla de
lexendados
en lingua galega, tanto de filmes cinematográficos como series de
televisión estranxeiras”, tanto
para estreas nas salas de cinema como para as principais plataformas
dixitais de contidos, que son xunto co YouTube os servizos de lecer
audiovisual que máis empregan as novas novas xeracións.
A
deputada do BNG lembrou que “os Gobernos vasco e catalán levan
anos desenvolvendo a difusión e promoción da creación propia como
da dobraxe ou subtitulado de producións punteiras, prestixiosas e
actuais”. Como
exemplo sinalou que entre
2014 e 2017 o Departamento de Cultura e Política Lingüística de
Lakua (Goberno vasco) puxo a disposición das persoas usuarias e dos
axentes culturais os subtítulos de 279 películas e 225 capítulos
de 24 series de televisión. Asemade,
recordou que en 2016
Movistar+ subtitulou en catalán 230 filmes e 20 series e
que, o pasado
ano, Netflix achegou
por vez primeira
oito películas dobradas ao catalán “sumándose a outros
provedores que xa o facían como Canal+, Yomvi, Filmin ou AppleTV”.