O BNG reclámalle ao Goberno central a cesión a Galicia da xestión da banda ancha

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A portavoz en Sociedade da Información e deputada do BNG, Ana Luísa Bouza, vén de presentar no Parlamento galego unha proposición non de lei para que se establezan negociacións co Goberno do Estado para a cesión da banda larga do espectro radioeléctrico á Xunta.
Para a deputada nacionalista, “este é un momento crucial para instar ao Goberno a establecer unha rede galega na banda de espectro que permita a banda larga en mobilidade no escenario dunha tecnoloxía 4G”, xa que segundo afirma “coincide o apagamento analóxico co compromiso do Goberno de dar cobertura ao 100 por cento da poboación en 2011”.
Bouza asegura que o programa PEBA (Extensión de Banda Larga a zonas rurais illadas) desenvolvido dentro do Plan Avanza, nas súas sucesivas edicións, “resultou insuficiente para a resolución deste problema e faise, polo tanto, necesario un cambio de estratexia”.
Asemade, Ana Bouza considera que a solución pasa por reclamar espectro que permita a fusión da tecnoloxía móbil e a wimax, “para poder implementar tecnoloxía 4G” que, segundo afirma, “será comercializada no ano que acabamos de iniciar”.
Para finalizar, a portavoz do BNG cre que esta asignación daría o servizo desexado aos cidadáns do rural “unindo todas as comarcas e cumprindo así co paradigma de Servizo Universal”.

PUBLICIDADE