O BNG reclamará no Congreso garantir a extensión de fibra óptica a todo o territorio galego
luns, 9 de decembro do 2024
O Bloque Nacionalista Galego anunciou que vai defender na Comisión de Economía e Transformación Dixital do Congreso unha Proposición de Lei para “solucionar as deficiencias e problemas de desconexión no proceso de extensión da fibra na Galiza”, especialmente en distintos concellos e zonas do rural como é o caso de Lugo, explicou a agrupación, engadindo que a iniciativa insta o Goberno a adoptar as medidas que garantan a chegada da fibra óptica a 100% dos fogares galegos e coordinar coas operadoras a súa chegada.
O BNG, a través do deputado Néstor Rego, lembra que a nosa terra está a ser deficitaria no que se refire á transición entre as antigas liñas fixas de teléfono e ADSL á actual fibra óptica que permite a Internet ultrrápida. “Neste proceso de substitución”, explica, “están a presentarse numerosas eivas en distintas vivendas illadas, núcleos, lugares e parroquias do rural; problemas sobre todo en zonas do rural de Lugo que quedan sen servizo de telefonía fixa, e tampouco contan cunha adecuada cobertura de telefonía ou datos móbiles”.
A agrupación nacionalista di que o Goberno do Estado debe adoptar medidas para “evitar que núcleos e vivendas do ámbito rural da Galiza queden desconectados ante o apagamento da era de cobre e garantir a chegada de fibra óptica á totalidade dos fogares”, defendeu o deputado do BNG no Congreso, engadindo que “o Executivo ten que coordinar coas operadoras de telefonía o proceso de extensión da fibra óptica no ámbito rural galego de modo que non se produzan problemas de demora ou de ausencia de servizos”.
A organización nacionalista urxe actuacións contundentes para “que non se produzan problemas de demora, incumprimentos de datas e situacións de incomunicación e de illamento de núcleos de poboación ou de vivendas e se compatibilice adecuadamente a fase de substitución, sobre todo nas zonas escuras de cobertura de telefonía móbil que non terían alternativa”.
Rego destaca tamén que “o Goberno debe informar adecuadamente á poboación sobre o apagamento do cobre e habilitar un mecanismo de reclamacións para que as persoas, especialmente ás do medio rural, damnificadas polo proceso de substitución poidan canalizar as súas queixas e reclamacións de forma fácil, áxil e directa”.
A fronte nacionalista fai fincapé nos datos que proveñen dos concellos lucenses, sobre todo os do rural, e a enorme fenda dixital que sofren. “Lugo está á cola do Estado en cobertura de banda larga e abarca só 69,7% do territorio, unha cifra que se reducirá agora despois do apagamento das centrais de cobre”, subliñou o deputado nacionalista, poñendo o foco en casos moi destacados de ausencia de despregadura axeitada de telecomunicacións como os de San Martiño de Suarna, na Fonsagrada, ou outros lugares e parroquias do Corgo, Pol, Sarria, Samos Ourol, O Páramo, Muras, Ribeira de Piquín, etc.