O BNG urxe ao Goberno a solucionar axiña as deficiencias nos trámites online do SEPE

mércores, 6 de maio do 2026 S. P.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, puxo o foco este mércores 6 de maio no funcionamento da sede electrónica do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que, segundo fai saber, presenta “graves problemas de uso que están a afectar á realización de trámites telemáticos”. Para o deputado nacionalista esta situación, que cualifica de “inaceptable”, está a prexudicar directamente ás persoas usuarias e urxe o Goberno solucións inmediatas.
Lembrou que que as propias traballadoras e traballadores do organismo fixeron público que o SEPE estabeleceu un horario restrinxido para a realización de trámites online limitado de 8.00 a 20.00 horas, unha medida que, dixo, “impide realizar xestións fóra dese horario, como solicitudes de prestacións, prórrogas de subsidios ou declaracións anuais de rendas”. O deputado do BNG considera “absurda” esta limitación, xa que precisamente unha das principais vantaxes da administración electrónica é permitir o acceso continuo, as 24 horas do día.
Néstor Rego critica que o Goberno xustifique esta situación como unha incidencia temporal derivada da modernización do sistema informático, cando en realidade, sinala, “leva meses prolongándose sen solución efectiva”. Neste sentido, reclama a recuperación inmediata do funcionamento continuado da sede electrónica.
Ademais, o BNG volve poñer o foco nos problemas derivados da implantación do sistema informático ALMA, que, segundo indica a agrupación “está a provocar fallos constantes, interrupcións nos trámites e dificultades para garantir conexións seguras”. E engadiu Rego: “Tal e como advertimos no seu momento, esta ferramenta non está a mellorar o servizo, senón que está a provocar máis atrasos e complicacións na tramitación dos expedientes”.
A formación nacionalista tamén alerta da grave falta de persoal no SEPE na nosa Comunidade. Así, indican, “nos últimos catro anos perdéronse arredor de 85 empregadas e empregados públicos, aos que hai que sumar 155 postos vacantes, o que supón unha redución significativa dos efectivos dispoñibles”. Esta situación, denuncia o BNG, está a impedir prestar unha atención adecuada á cidadanía.