O Bacharelato STEMBach de excelencia en ciencias e tecnoloxía chega aos 60 centros

venres, 29 de agosto do 2025 S. P.

O Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, STEMBach, acadará neste novo curso por primeira vez os 60 centros participantes. A Consellería de Educación vén de incorporar seis novos centros educativos a este programa, a través do que se promove o desenvolvemento de competencias STEM (siglas das áreas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), entre o alumnado galego durante esta etapa formativa.
Educación fai saber que estas incorporacións súmanse aos 54 centros escolares que desenvolvían xa esta iniciativa e que deciden renovar a súa participación, implicando este curso a máis de 1.200 alumnos.
Os novos centros STEMBach son os institutos Gregorio Fernández (Sarria), Dionisio Gamallo (Ribadeo), Otero Pedrayo (Ourense), Ribeira do Louro (O Porriño) e Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda), así como o Colexio Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense).
A Xunta implantou este programa por primeira vez no curso 2018/2019 e foise consolidando ata as cifras actuais, cun 54,4% de participantes mulleres e un 45,6% de homes, “o que contribúe a minorar as brechas de xénero neste eido”, informou a Consellería, engadindo que “desde o punto de vista cualitativo, os proxectos defendidos polo alumnado ante un xurado cada final de curso están acadando cada vez máis cotas de maior nivel e especialización.”
O programa ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os estudantes cursan, a maiores do currículo da modalidade na que estean matriculados, unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM extracurricular de dúas ou tres horas semanais.
Ademais, deben realizar un proxecto de investigación e actividades complementarias de formación en colaboración coas universidades públicas de Galicia, entidades, organismos e persoas investigadoras de recoñecida competencia. Isto permite que, antes da súa incorporación á universidade, xa teñen un primeiro contacto con ela.
A Xunta introduciu nos últimos cursos diversas melloras no programa para enriquecer a experiencia do alumnado: “Todos os centros, o profesorado e o alumnado reciben un recoñecemento e mención da súa participación na iniciativa e os mellores proxectos de investigación reciben un premio especial e distintivo co obxectivo de remarcar e subliñar o esforzo e o traballo realizado polos estudantes de STEMBach”.
Así mesmo, no marco deste paquete de novidades inclúese o recoñecemento de créditos ECTS universitarios para o alumnado, polo que os estudantes que superan o programa e se matriculan posteriormente nalgunha das universidades públicas galegas ven recoñecidos con créditos de libre configuración este mérito. En total, poden obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario e ata un máximo de 6 créditos ECTS.